Ás 00:00 horas arrincaba a xornada de folga xeral convocada pola CIG baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'. Unha xornada de paro e mobilizacións contra a carestía da vida e para exixir medidas para frear a escalada imparábel dos prezos dos produtos básicos, da vivenda, a precariedade, a pobreza laboral e a deterioración dos servizos públicos.
Co inicio da folga saíron os piquetes en numerosas cidades e vilas, en moitos casos tras celebrar asembleas para perfilar os últimos detalles dunha xornada que será longa, cara os polígonos industriais, fábricas e servizos con quenda de noite.
A estas horas, en Vigo, na farmacéutica Cofano, xa non entrou a quenda de noite, tamén está parada ao 100% FCC, que xestiona a recollida de lixo e a limpeza viaria da cidade. En BorgWarner Zamans na quenda de noite, dun total de 152 persoas só entraron 3 encargados e 8 persoas taller e na planta de Pescanova de Chapela só entrou unha parte do persoal.
Practicamente todas as empresas do sector da automoción tanto de Vigo como de Porriño están paradas, así como a empresa de loxística e transporte de mercadorías STEF.
Na cidade da Coruña o lixo do Consorcio das Mariñas, que inclúe todos os concellos da área metropolitana -agás a propia Coruña e Arteixo- está parado. Como tamén o está o servizo de recollida de lixo da cidade. De igual maneira en Santiago de Compostela tamén parou a recollida do lixo.
En Ferrol a quenda de noite de Navantia non entrou, o lixo de Narón tampouco e en Ferrol só funcionan os servizos mínimos.
En Lugo tamén funcionan unicamente os servizos mínimos no servizo de recollida do lixo. E a única cuestión salientable foi a desproporcionada actuación tanto da Policía Nacional, como da Policía Local no piquete de Ecolugo, onde identificaron a varias persoas sen razón algunha.
En Pontevedra o seguimento é total na quenda de noite de Treves e do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos non saíu nin a quenda de noite, nin os servizos mínimos.
Ademais, en Ribadavia , practicamente todo o persoal da fábrica de pezas e compoñentes metálicos Rubí Automotive da quenda de noite secunda a folga.
Manifestacións
A CIG fai un chamamento a secundar masivamente a folga xeral ao longo de toda a xornada e a participar nas manifestacións convocadas polo sindicato nacionalista en 17 cidades e vilas para reclamar actuacións concretas tanto ao Goberno español como á Xunta.
Lista de mobilizacións da folga xeral do 11 de novembro
VIGO: ás 12:00h. Cruzamento da Drobada
A CORUÑA: ás 12:00h. Praza de Vigo
CARBALLO: ás 12:00h. Praza do Concello
CEE: ás 12:00h. Praza 8 de Marzo
PONTEVEDRA: ás 12:00h. Praza da Ferrería
VILAGARCÍA : ás 12:00h. Casa do Mar
A ESTRADA: ás 12:00h. Praza do Mercado
COMPOSTELA: ás 12:00h. Praza Roxa
RIBEIRA: ás 12:00h. Mercado Municipal
FERROL: 12:00h. Local CIG (Avenida de Esteiro)
AS PONTES : 12:00h. Praza do Concello
LUGO: ás 12:00h. Edificio Sindical
BURELA: ás 12:00h. Local CIG (Arcadio Pardiñas)
MONFORTE: ás 12:00h. Praza de España
OURENSE: ás 11:00h. Edificio Sindical
O BARCO: ás 12:00h. Praza do Concello
VERÍN: ás 12:00h. Praza do Concello
A CIG fai, ademais, un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola tarde, que dan continuidade á xornada de folga.