Arrinca a xuntanza do comité executivo da UITBB, a Unión Internacional da Construción, coa CIG como anfitrioa

Durante a fin de semana analizarán a situación internacional do sector e acordarán o Plan de Acción para 2024
- 09 Set 2023

A primeira hora deste sábado arrincaba a xuntanza do comité executivo da UITBB, Unión Internacional de Sindicatos de Traballadores/as da Construción, Madeira e Materiais de Construción, da Federación Sindical Mundial (FSM). Unha reunión na que se apuntou como principal problema do sector a desregulacion do mercado laboral e as consecuencias que isto ten tanto para os traballadores e traballadoras inmigrantes, como para os locais.

O encontro comezou cun saúdo do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a posterior intervención do secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, quen explicou o modelo sindical da CIG aos asistentes; a realidade territorial e política no estado español, con tres nacións históricas, Galiza, Euskadi e Catalunya, que “loitamos pola nosa soberanía” e o papel dos sindicatos CCOO e UGT, que “optaron pola conciliación e un papel institucionalizado”, e que ten provocado “grandes retrocesos nos dereitos laborais”.

Fronte a iso, salientou o papel referencial do sindicalismo soberanista en Euskadi e Galiza, a súa capacidade de loita e o feito de ter sido quen de conseguir subas salariais por riba da media do Estado español. “Un sindicalismo que entende que para a recuperación dos dereitos e a mellora das condicións de traballo o camiño é a mobilización e o enfrontamento cunha patronal insaciábel e unha clase política entregada aos intereses dun capitalismo salvaxe”, afirmou.

O secretario nacional da federación de Construción e Madeira da CIG fixo unha análise tamén da situación do sector en Galiza, con arredor de 100.000 traballadores/as e apuntou os retos que se ten fixado o sindicato, entre outros a recuperación dos dereitos perdidos, a recuperación salarial tomando como referencia o IPC real; unha maior seguridade e hixiene nos postos de traballo ou a loita pola igualdade entre homes e mulleres. Obxectivos para os que considerou imprescindíbel a mobilización e unha contundente resposta social “diante dos ataques do capital e a clase política dominante, con mobilizacións e folgas polas sucesivas reformas laborais e das pensións”.

Retos sindicais a nivel mundial

Plácido Valencia fixo tamén unha análise da situación internacional, atravesada por sucesivas crises, desde económicas a sanitarias e agora tamén por guerras como a da Ucraína. Situación que se ten traducido “nunha perda de dereitos para a clase obreira” e denunciou a estratexia do neocolonialismo. A ese respecto subliñou que “uns países teñen recursos naturais e outros, que non os teñen, son os que os explotan, non dubidando en empregar ata recursos bélicos para conseguilos”.

Así apuntou exemplos como o que está a acontecer en África onde, dixo, “os pobos, xa fartos, están erguéndose con revoltas contra o colonialismo e o imperialismo, como está a ocorer en Sudán, Níger ou Gabón, que retan os anos de dominio francés, espoliando os seus recursos, como o uranio, mentres padecen pobreza e xeracións forzadas á emigración”.

Explotación da poboación migrante

Foi neste último aspecto no que chamou a atención, subliñando que esa emigración “tradúcese na chegada masiva de persoas ás nosas fronteiras na procura dunha vida mellor para si e os seus, que van ser explotadas unha vez máis, pero lonxe da súa casa. Emigración que é usada como desculpa para a aparición de forzas políticas fascistas, racistas e xenófobas”.

Por iso considerou que ese é precisamente un dos retos de futuro que teñen os sindicatos a nivel mundial, darlle unha solución “dunha forma xusta e transversal” a este problema “cada vez máis grave e urxente”.

A esta mesma cuestión referiuse Michalis Papanikolaou, secretario xeral da UITBB, que considerou tamén as guerras, as malas condicións económicas e as catástrofes naturais como principais causas da situación que padece, a nivel internacional a clase traballadora.

Nese sentido, apuntou que o sector da construción recibe cada día un gran número de inmigrantes o que, afirmou “supón un gran problema, xa que son vulnerables ás presións e a explotación dos empresarios”. Unha explotación que, asegurou que “se presenta de muchas formas e sempre actúa a favor dos empresarios e en contra tanto dos traballadores inmigrantes como dos locais”.

Papanikolaou denunciou a desregulación do mercado laboral e coincidindo con Valencia, considerou que a aparición de fenómenos como a xenofobia, o racismo, o fascismo e a intolerancia “dificultan a unidade e a acción unitaria dos traballadores”.

Por iso, sinalou que ese é un tema que debe preocupar cada día ás organizacións membros da UITBB e que “a batalla debe intensificarse”, para “eliminar estas discriminacións, para que os traballadores, inmigrantes e locais poidan facer fronte a este problema”.

O secretario xeral da UITBB apuntou, por iso, que o obxectivo desta unión internacional de sindicatos debe ser “desenmascarar aos círculos capitalistas que crean estas condicións, á vez que se aproveitan da situación xerada nos países de destino, empregando aos traballadores inmigrantes con condicións inaceptables, ao tempo que fomentan comportamentos racistas contra eles”.

Papanikolaou analizou tamén a cuestión da saúde e seguridade no lugar de traballo, a necesidade de que se aproben leis laborais que protexan a clase traballadora neste aspecto e concluíu facendo un chamamento ás organizacións sindicais que conforman a UITBB para que as súas campañas sexan se caractericen “polo noso espírito de loita, a nosa ideoloxía de clase e a expresión de solidariedade a todos os compañeiros e compañeiras do mundo”.

No decurso da mañá sucedéronse as intervencións do resto das e dos representantes dos sindicatos a nivel mundial, que continuarán no decurso da tarde e no domingo, cando se presentarán as conclusións e obxectivos para o ano 2024. Ademais, na tarde do domingo terá lugar o Encontro Europeo, co que pecharán estas dúas xornadas de intenso debate arredor dun sector clave como o da Construción, a nivel internacional.