Arxentina: a fin de era do posneoliberalismo e ascenso da dereita pura e dura

James Petras -

A loita de clases de alta intensidade do presidente Macri ten como obxectivo reverter o benestar social e as políticas progresivas postas en marcha polos gobernos dos Kirchner nos últimos doce anos (2003-2015).

 A loita de clases “desde arriba” achou a súa expresión máis intensa, global e retrógrada en Arxentina, coa elección de Mauricio Macri como presidente en decembro de 2015. Durante os primeiros dous meses no poder, Macri revogou por decreto unha chea de políticas socioeconómicas progresistas aprobadas durante o pasado decenio e intenta desaloxar das institucións públicas as voces independentes.

 Ao contar cunha maioría hostil no Congreso, asumiu poderes lexislativos e procedeu ao nomeamento de dous xuíces do Tribunal Supremo violando a propia Constitución.

 O presidente Macri efectuou unha purga nos ministerios e institucións do Estado para expulsar as persoas nomeadas polo goberno anterior consideradas como críticas e reemprazalas por leais funcionarios neoliberais. Detivo dirixentes dos movementos populares e perseguiu a membros do gabinete anterior.

 Á vez que acometía a reconfiguración do Estado, o presidente Macri puxo en marcha unha contrarrevolución neoliberal que inclúe unha depreciación da moeda do 40% e elevou o prezo da cesta básica un 30%; a fin dunha taxa a todas as exportacións agrícolas e minerais (agás a soia); un tope de aumento salarial do 20% por baixo do aumento do custo da vida; un incremento do 400% do prezo da electricidade e do 200% do do transporte; despedimentos masivos de empregados públicos e da empresa privada; uso de balas de goma para romper as manifestacións de folguistas; medidas para realizar privatizacións a gran escala de sectores económicos estratéxicos; un desembolso de 6.500 millóns de dólares a acredores de fondos-voitre e especuladores (cun retorno do 1000%) e contraeu novas débedas.

 A loita de clases de alta intensidade do presidente Macri ten como obxectivo reverter o benestar social e as políticas progresivas postas en marcha polos gobernos dos Kirchner nos últimos doce anos (2003-2015).

 O presidente Macri declarou unha nova versión desapiadada da guerra de clases desde arriba, que sucede a un modelo cíclico neoliberal de longo prazo no que presenciamos:

1- Un goberno militar autoritario (1966-1972) acompañado dunha intensa loita de clases desde abaixo seguida por eleccións democráticas (1973-1976).

2- Unha ditadura militar acompañada dunha intensa loita de clases desde arriba (1976-1982) que produciu o asasinato de 30.000 traballadores.

3- Unha transición negociada á política electoral (1983), unha crise inflacionaria e a profundación do neoliberalismo (1989-2000).

4- Crise e caída do neoliberalismo e unha loita de clases insurreccional desde abaixo (2001-2003).

5- Réximes de centro-esquerda Kirchner-Fernández (2003-2015), favorábeis a un pacto social entre os traballadores, o capital e o réxime.

6- Réxime autoritario neoliberal de Macri (2015) e agresiva loita de clases desde arriba. O obxectivo estratéxico de Macri é consolidar un novo bloque de poder formado pola industria agro-mineral local e a oligarquía banqueira local, os banqueiros e investidores estranxeiros e o aparello político-militar, co fin de aumentar de forma considerábel os beneficios abaratando a man de obra.

 A orixe do aumento de preponderancia do bloque neoliberal pode atoparse nas prácticas e políticas dos anteriores gobernos Kirchner e Fernández. As devanditas políticas foron deseñadas para superar as crises capitalistas de 2000-2002 canalizando o descontento das masas populares mediante reformas sociais, estímulos ás exportacións agro-minerais e incremento do nivel de vida mediante impostos progresivos, subsidios á electricidade e os alimentos e aumento das pensións. Os programas progresistas de Kirchner baseáronse no boom dos prezos das materias primas. Cando estes se viñeron abaixo, a “coexistencia” capital-traballo disolveuse e a alianza de empresarios, clase media e capital estranxeiro, liderada por Macri, aproveitou a defunción do modelo para lograr o poder.

 A loita de clases impulsada desde abaixo viuse gravemente debilitada pola alianza do mundo laboral co réxime de Kirchner, non porque este se beneficiase economicamente, senón porque o pacto desmobilizou as organizacións de masas activas no período 2001-2003. Ao longo dos seguintes 12 anos, os traballadores formaron parte de negociacións sectoriais (paritarias) coa intermediación dun “goberno amigábel”. As alianzas “sectoriais” e os asuntos da vida cotiá reemprazaron a conciencia de clase. Os sindicatos perderon a súa capacidade para propiciar a loita de clases desde abaixo e mesmo para influír nos sectores máis populares. A clase traballadora quedou nunha posición vulnerábel e está debilitada para opoñerse á desapiadada ofensiva neoliberal contrarreformista.

 Malia iso, as medidas extremas adoptadas por Macri -a gran caída do poder adquisitivo, a espiral inflacionaria e os despedimentos masivos- provocaron os primeiros pasos dun renacemento da loita de clases desde abaixo.

 As folgas de profesores e funcionarios motivadas polos recortes salariais e os despedimentos disparáronse en resposta aos recortes no sector público e os decretos executivos arbitrarios. Os movementos sociais e en defensa dos dereitos humanos convocaron manifestacións esporádicas en resposta ao desmantelamento das institucións que perseguían os oficiais do exército responsábeis do asasinato e a desaparición de 30.000 persoas durante a “guerra sucia” (1976-1983).

 Mentres o réxime de Macri continúa profundando e ampliando as súas medidas reaccionarias destinadas a abaratar os custos laborais e reducir os impostos empresariais e o nivel de vida co fin de atraer capital coa promesa de maiores beneficios; mentres a inflación se dispara e a economía se estanca debido á caída do investimento público e do consumo, existen probabilidades de que a loita de clases se intensifique. Todo indica que antes de que finalice o primeiro ano do goberno Macri se acentuarán as folgas e outras formas de acción directa.

 Ás grandes organizacións de clase capaces de mobilizar a loita de clases desde abaixo, debilitadas por un decenio do “modelo corporativo” da era Kirchner, levaralles tempo reconstruírse. A gran incógnita é saber como organizar un movemento político de ámbito nacional que vaia máis aló do rexeitamento aos candidatos electorais afíns a Macri nas próximas eleccións lexislativas, provinciais e municipais e cando facelo.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 25 de febreiro de 2016]

Volver