Arxentina, Venezuela e a loita de clases

Ángel Guerra Cabrer - 18 Xan 2016

Os erros e insuficiencias do chavismo e o kirchnerismo son moito menos importantes que os seus acertos e logros. De xeito que na súa derrota electoral pesou moito a guerra económica e financeira, comunicativa e diplomática desencadeada por Estados Unidos e a dereita

Quen vaticina a fin do chamado ciclo progresista en América Latina e o Caribe (ALC) perde de vista que o caldo en que se coce a política é, irremediabelmente, a loita de clases. Cos seus fluxos e refluxos, marchas e contramarchas.

 Mentres máis se mundializa o capitalismo, maior importancia adquire a loita de clases a escala internacional. Iso, debido á irreversíbel crise sistémica do capitalismo e á crecente crise de hexemonía de Estados Unidos. Unha impulsa ao capital a extraer crecentes taxas de ganancia sen importar os medios extremadamente crueis, inhumanos e ecocidas para logralo (o desbocado quecemento global é un ecocidio). A outra, impulsa ao imperialismo estadounidense a empregar a fondo os seus inmensos recursos para liquidar todo exemplo de rebeldía contra a súa odiosa tiranía mundial, sobre todo en América Latina e o Caribe.

 Independentemente das naturais diferenzas entre países e procesos políticos, tanto a derrota do kirchnerismo como a do chavismo nas eleccións do 22 de novembro e do 6 de decembro pasados, inscríbense no contexto dunha feroz loita de clases nacional e internacional. Esta exprésase na disputa entre os pobos do mundo e o capital, sexa oligárquico ou imperialista, polo poder político (o que inclúe a conciencia e tamén o inconsciente colectivos), a independencia nacional, os recursos naturais e o control xeopolítico.

 Trátase, como o demostra claramente o bloqueo de Estados Unidos a Cuba, que aínda perdura, dun enfrontamento en que resalta a asimetría entre os contendentes. O mesmo ocorre con canto país latino-caribeño tenta librarse da dominación imperialista, aínda que sexa de xeito morno. Un bo exemplo é o golpe de Estado da CIA contra o goberno do presidente de Guatemala, Jacobo Arbenz(1954).

 Pero desde aquela, o imperialismo modificou substancialmente a enxeñaría do golpe de Estado. Chámese golpe brando, revolución de cores, guerra de cuarta xeración, o certo é que Washington perfeccionou até a sofisticación o seu obxectivo de cambio de réxime contra todo goberno que non se lle subordine. Paradoxalmente, como mostran Arxentina e Venezuela, as eleccións, realizadas baixo a descomunal hexemonía mediática, financeira e militar imperialista, convértense nunha das armas fundamentais do golpe brando.

 Claro que cometen erros os revolucionarios e as forzas que pugnan por poñer fin ao neoliberalismo e encamiñar políticas de rescate da independencia nacional e de impulso á xustiza social. Herdan un Estado e unha sociedade inzada de lacras como o conservadorismo, a ignorancia, a corrupción e o clientelismo, que ás veces os envolven.

 Os proxectos de poder alternativo iniciados coa Comuna de París (1871) están en gran desvantaxe histórica coa milenaria experiencia de poder das clases dominantes.

 Mais en todo caso, os erros e insuficiencias do chavismo e o kirchnerismo son moito menos importantes que os seus acertos e logros. De xeito que na súa derrota electoral pesou moito a guerra económica e financeira, comunicativa e diplomática desencadeada por Estados Unidos e a dereita contra o cambio de época na nosa América.

 No entanto, o ascenso dereitista pode ser efémero e precario a xulgar polo carácter ditatorial e antipopular dos decretos de Macri e a súa conduta servil a Wall Street en menos dun mes de mandato. Mentres, os seus pares da contrarrevolución venezolana desde o 6 de decembro e na instalación da nova Asemblea Nacional ensinaron o seu desesperado afán de consumar un inconstitucional golpe parlamentario contra o presidente Maduro e de acabar canto antes coas conquistas da Revolución Bolivariana.

 O chavismo é un suxeito político revolucionario, que, se se mantén unido, aprende dos seus erros, atrae os seus simpatizantes disgustados e mobiliza as masas pode neutralizar os millonarios, cómplices do golpismo pasado e presente e da implantación do neoliberalismo a sangue e lume que ateigan a bancada parlamentaria da contrarrevolución.

 O kirchnerismo non se sacudiu dunha derrota que non esperaba nin do lastre do peronismo de dereita, pero ten enormes reservas de mocidade organizada e combativa e forza parlamentaria. Emprázano ao combate unha clase obreira e un pobo que, antes do que moitos esperan, entrarán en estado de rebelión contra o regreso do neoliberalismo.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Telesur’, do 7 de xaneiro de 2016]