As 4 razóns que demostran como a UE se está preparando para o conflito con Rusia
Ao analizar o conxunto de disposicións que emerxe das diferentes levadas a cabo por Europa (dronización, militarización, guerra de corso no Báltico e nuclearización), está claro que o conflito entre Rusia e Europa hai que o considerar como inevitábel
Un dos fenómenos máis perigosos da guerra mundial por anacos é certamente aquel polo que cada vez que un dos "conflitos locais" estala de maneira moi violenta, os medios de comunicación, e en consecuencia as opinións públicas tenden a concentrar a súa atención nel, descoidando o que acontece nos outros conflitos. Un fenómeno perigoso que, por unha banda, non deixa ver o fenómeno na súa totalidade, senón que leva a concentrarse no único teatro e, sobre todo, tende a subestimar a importancia das fases de "cansazo" que se producen nun cuadrante cando, en realidade, son aquelas nas que se prepara a próxima escalada.
Co estalar da guerra no Golfo Pérsico, precisamente, un manto de silencio caeu sobre o conflito ucraíno; pero non é errado soster que se trata dun silencio que prepara a tormenta. De feito, as elites europeas transformaron a Europa enteira na retagarda da fronte ucraína, converténdose de facto en parte directa do conflito, como xa sostén abertamente Rusia. Os eixos fundamentais desta evolución do status europeo en relación ao conflito, segundo quen escribe, son esencialmente catro:
- Dronización; os países da UE convertéronse tanto en produtores en joint venture dos drons necesarios para Ucraína e non só; os países máis próximos ás fronteiras rusas adoitan deixar de feito o seu espazo aéreo aos drons ucraínos en ruta cara ao obxectivo das súas incursións en territorio ruso.
- Militarización do tecido produtivo civil.
- Uso de métodos corsarios no Mar Báltico contra os buques mercantes rusos ou procedentes de portos rusos.
- Nuclearización: probábel ampliación do paraugas nuclear francés aos países europeos en clara función anti-rusa.
Dronización
O fenómeno da dronización consiste, de feito, en transformar Europa na retagarda produtiva dos drons necesarios para Ucraína contra Rusia. Na súa última xira europea, Zelensky asinou contratos de colaboración con países como Italia, Alemaña, Francia e Gran Bretaña para a produción conxunta de drons. Ademais, foi o propio Ministerio de Asuntos Exteriores ruso o que publicou unha lista exhaustiva de todas as empresas europeas que producen compoñentes para os drons ucraínos: ademais de catro empresas italianas, temos empresas británicas (Fire Point e Horizon Tech), alemás (Davinci Avia e Airlogistica), dinamarquesas (Kort), letoas (Terminal Autonomy), lituanas (Kort), neerlandesas (Destinus), polacas (Antonov State Enterprise e Ukrspecsystems) e checas (DeViRo). Un esforzo que, como é doado intuír, é moito máis que un mero acordo comercial porque permite a Kiev obter drons (ou partes deles) protexendo a produción de posíbeis ataques rusos. Non por casualidade os rusos falan de posíbeis consecuencias debido a este tipo de axudas ao esforzo bélico ucraíno para a produción dun dos sistemas de armas que resultou ser dos máis innovadores e insidiosos de toda a guerra. Cómpre sinalar ademais que a Unión Europea destinou máis de mil millóns de euros para o desenvolvemento e a produción de drons en Europa e construír unha cadea produtiva substancialmente completa (onde ademais a propia Ucraína funciona como un verdadeiro "polígono de tiro" e fonte primaria de experiencia práctica). Ben mirado, trátase dun auténtico rumbo de política industrial que non pode deixar de preocupar porque son decisións que teñen o obxectivo de dotar ás forzas armadas europeas dun sistema de armas en cantidades tan grandes que resultan incompatibles cun uso normal vinculado a tempos de paz.
Militarización
A reconversión do tecido produtivo civil está certamente en curso en toda Europa, en particular nos países membros da OTAN. O caso máis emblemático deste fenómeno é, obviamente, o alemán, que está mesmo a transformar o seu impoñente sector automobilístico (que era a locomotora da produción do país) nun produtor de armas, elevando así o sector defensa a nova base da economía alemá.
Tamén The Wall Street Journal destacou esta elección de política industrial de Berlín tendente a reverter o actual declive da industria do automóbil nun boom da industria da defensa: "En todo o sector industrial alemán, as liñas de produción que outrora garantían o milagre das exportacións do país están a ser reconvertidas en mecanismos de rearmamento de Europa", observa o WSJ.
Certamente un caso emblemático desta transformación do sector industrial alemán é o de Schaeffler, un dos fornecedores fundamentais para os automóbiles (desde motores até rodamentos), que agora produce motores para drons, sistemas de a bordo para vehículos blindados e compoñentes para a aviación militar. Ou outro caso clamoroso é por exemplo o de Volkswagen, que está a negociar con empresas israelís para iniciar a produción de compoñentes para o sistema Iron Dome israelí antes de 2027. En xeral, son varias as empresas que engadiron unha terceira quenda de traballo para a produción de armas e munición para Ucraína. Case o 90% do capital de venture europeo investido no sector da defensa vai para empresas alemás.
Como se pode ver, estamos ante unha transformación impoñente, difícil, certamente custosa, que non se pode facer con perspectivas a curto prazo: Berlín pretende producir armas de maneira masiva durante un longo período de tempo. Unha elección que só pode ser concibíbel coa convicción de que o enfrontamento con Moscova é inevitábel: e só cómpre esperar que se trate dun enfrontamento "frío" como o da segunda metade do século pasado e non "quente" como o ocorrido na primeira metade do século pasado.
Guerra corsaria no Báltico
Un dos casos máis graves de militarización da postura europea é desde logo o bloqueo substancial do Mar Báltico ás petroleiras que transportan o petróleo ruso e que proceden da rexión rusa de Leningrado, que se asoma ao Mar Báltico. Hoxe en día son innumerábeis os casos de abordaxe e secuestro de petroleiras que as autoridades europeas definen como "frota sombra rusa". O primeiro período no que se observou este fenómeno podía considerarse esporádico e talvez –sendo benignos– atribuíbel a un exceso de celo das autoridades dos países europeos ribeiregos, pero agora non pode deixar de ser considerado como unha nova guerra corsaria dos europeos contra os barcos rusos e tendente a bloquear o uso do Báltico por parte dos rusos. Inútil subliñar que o dereito internacional (do que tanto enchen a boca os europeos) considera este tipo de comportamento como un acto de guerra. Guerra contra Rusia que xa cada vez máis se desprazou cara ao mar: primeiro os continuos ataques ás petroleiras rusas no Mar Negro e agora a guerra de corso no Báltico, sen esquecer os esporádicos ( pero gravísimos) ataques aos barcos rusos no Mar Mediterráneo.
A nuclearización de Europa
Así e todo, o fenómeno máis preocupante neste gravísimo contexto de guerra latente contra Rusia é certamente o relacionado coas alianzas militares europeas. O primeiro paso foi sen dúbida a sinatura do Tratado de Aquisgrán de 2019 entre Francia e Alemaña que prevé tamén unha cooperación reforzada no ámbito militar entrambos os países. Outro paso cara á constitución dunha alianza europea foi desde logo o tratado de Nancy entre Francia e Polonia que prevé, ademais da asistencia mutua en caso de ataque, tamén unha estreita cooperación nuclear. De primaria importancia foi despois a "Declaración de Northwood" entre Reino Unido e Francia (xullo de 2025), que por primeira vez prevé a coordinación de ambas as forzas nucleares pertencentes a estes países. Lenta mais inexorabelmente está a nacer unha rede de tratados entre países europeos que ten no centro a Francia (e tamén Gran Bretaña) e que está a levar á extensión do paraugas militar e nuclear francés e británico a toda Europa. Como proba do que estou a afirmar, cómpre lembrar que, en outubro de 2024, os ministros de defensa de Alemaña e do Reino Unido acordaron unha cooperación militar xermano-británica no marco do "Acordo de Trinity House", e que inclúe tamén cuestións nucleares. Tamén Berlín e París acordaron manter un diálogo nuclear franco-alemán. O chamado "Grupo Director" (Steering Group) está chamado a realizar intercambios regulares de opinións sobre todas as cuestións relativas á enerxía nuclear e a desenvolver as posibilidades de cooperación.
Ademais, son destes últimos días outros posíbeis acordos en camiño. O 20 de abril en Gdańsk, o presidente francés e o primeiro ministro polaco anunciaron publicamente que Francia invitou a Polonia a unirse ao grupo europeo do marco de "disuasión avanzada" que inclúe tamén Alemaña, Grecia, Países Baixos, Bélxica, Dinamarca e Suecia e que prevé unha forte cooperación tamén no ámbito nuclear militar con Francia. É ben salientar que o primeiro ministro polaco se mantivo deliberadamente ambiguo sobre a hipótese de que, no marco desta cooperación, Polonia poida acoller avións Rafale franceses dotados de armas nucleares. Está claro que toda esta actividade diplomático-militar debe considerarse dirixida contra Rusia dado o marco conflitivo existente entre Moscova e os países europeos. Cómpre notar, ademais, como Europa está a entrar nunha fase na que a seguridade xa non está garantida por América e, como fixeron notar en Foreign Affairs Ethan B. Kapstein da RAND Corporation estadounidense e Jonathan Coverley do International Institute for Strategic Studies (IISS) británico, o vello continente vese obrigado a reestruturar rapidamente o seu modelo de defensa.
Un último apuntamento hai que o facer tamén sobre a proposta de lei presentada polo goberno finlandés ao parlamento de Helsinqui na que se autoriza o despregamento de armas nucleares no territorio nacional. Unha proposta que non se pode deixar de cualificar de xélida tanto pola longuísima fronteira entre Rusia e Finlandia como pola proximidade a Murmansk (cidade ártica onde ten a súa sede a Flota do Norte rusa) e sobre todo a San Petersburgo, segunda cidade rusa situada a menos de 200 km da fronteira finesa.
Conclusións
Ao analizar o conxunto de disposicións que emerxe das catro actividades enumeradas levadas a cabo por Europa (dronización, militarización, guerra de corso no Báltico e nuclearización), está claro que o conflito entre Rusia e Europa hai que o considerar como inevitábel. Probabelmente, superouse o punto a partir do cal se chega ao conflito directo por inercia e que fai dificilísima, mesmo imposíbel, calquera marcha atrás.
[Artigo tirado do sitio web italiano L’Antidiplomatico, do 24 de abril de 2026]