As 7 propostas de Donald Trump que explican a súa vitoria

Ignacio Ramonet - 10 Nov 2016

Hai que precisar que a mensaxe de Trump non é semellante ao dun partido neofascista europeo. Non é un ultradereitista convencional. El mesmo defínese como un «conservador con sentido común» e a súa posición, no abano da política, situaríase máis exactamente á dereita da dereita

A vitoria de Donald Trump (como o ‘Brexit’ no Reino Unido, ou a vitoria do ‘non’ en Colombia) significa, primeiro, unha nova estrepitosa derrota dos grandes medios dominantes e dos institutos de sondaxes e das enquisas de opinión. Pero significa tamén que toda a arquitectura mundial, establecida ao final da Segunda Guerra Mundial, se ve agora trastornada e se derruba. Os naipes da xeopolítica vanse barallar de novo. Outra partida empeza. Entramos nunha era nova cuxo trazo determinante é “o descoñecido”. Agora todo pode ocorrer.

 Como conseguiu Trump inverter unha tendencia que o daba perdedor e lograr impoñerse na recta final da campaña? Este personaxe atípico, coas súas propostas grotescas e as súas ideas sensacionalistas, xa desbaratara até o de agora todos os prognósticos. Fronte a pesos pesados como Jeb Bush, Marco Rubio ou Ted Cruz, que contaban ademais co resolto apoio do establishment republicano, moi poucos o vían impoñerse nas primarias do Partido Republicano, e con todo carbonizou os seus adversarios, reducíndoos a cinzas.

 Hai que entender que desde a crise financeira de 2008 (da que aínda non saímos) xa nada é igual en ningures. Os cidadáns están profundamente desencantados. A propia democracia, como modelo, perdeu credibilidade. Os sistemas políticos foron sacudidos até as raíces. En Europa, por exemplo, multiplicáronse os terremotos electorais (entre eles, o Brexit). Os grandes partidos tradicionais están en crise. E en todas as partes percibimos subas de formacións de extrema dereita (en Francia, en Austria e nos países nórdicos) ou de partidos antisistema e anticorrupción (Italia, o Estado español). A paisaxe política aparece radicalmente transformada.

 Ese fenómeno chegou a Estados Unidos, un país que xa coñeceu, en 2010, unha vaga populista devastadora, encarnada entón polo Tea Party. A irrupción do multimillonario Donald Trump na Casa Branca prolonga aquilo e constitúe unha revolución electoral que ningún analista soubo prever. Aínda que pervive, en aparencias, a vella bicefalia entre demócratas e republicanos, a vitoria dun candidato tan heterodoxo como Trump constitúe un verdadeiro sismo. O seu estilo directo, populacheiro, e a súa mensaxe maniquea e reducionista, apelando aos baixos instintos de certos sectores da sociedade, moi distinto do ton habitual dos políticos estadounidenses, conferiulle un carácter de autenticidade a ollos do sector máis decepcionado do electorado da dereita. Para moitos electores irritados polo «politicamente correcto», que cren que xa non se pode dicir o que se pensa sob pena de ser acusado de racista, a «palabra libre» de Trump sobre os latinos, os inmigrantes ou os musulmáns é percibida como un auténtico desafogo.

 A ese respecto, o candidato republicano soubo interpretar o que poderiamos chamar a «rebelión das bases». Mellor que ninguén, percibiu a fractura cada vez máis ampla entre as elites políticas, económicas, intelectuais e mediáticas, por unha banda, e a base do electorado conservador, pola outra. O seu discurso violentamente anti-Washington e anti-Wall Street seduciu, en particular, os electores brancos, pouco cultos, e empobrecidos polos efectos da globalización económica.

 Hai que precisar que a mensaxe de Trump non é semellante ao dun partido neofascista europeo. Non é un ultradereitista convencional. El mesmo defínese como un «conservador con sentido común» e a súa posición, no abano da política, situaríase máis exactamente á dereita da dereita. Empresario multimillonario e estrela arquipopular da telerrealidade, Trump non é un antisistema, nin obviamente un revolucionario. Non censura o modelo político en si, senón os políticos que o estiveron a pilotar. O seu discurso é emocional e espontáneo. Apela aos instintos, ás tripas, non ao cerebral, nin á razón. Fala para esa parte do pobo estadounidense entre a cal empezou a prender o desánimo e o descontento. Diríxese á xente que está cansa da vella política, da «casta». E promete inxectar honestidade no sistema ; renovar nomes, rostros e actitudes.

 Os medios deron gran difusión a algunhas das súas declaracións e propostas máis odiosas, patafísicas ou ubuescas. Recordemos, por exemplo, a súa afirmación de que todos os inmigrantes ilegais mexicanos son “corruptos, delincuentes e violadores”. Ou o seu proxecto de expulsar os 11 millóns de inmigrantes ilegais latinos aos quere meter en autobuses e expulsar do país, mandándoos a México. Ou a súa proposta, inspirada en «Xogo de Tronos», de construír un muro fronteirizo de3.145 quilómetros ao longo de vales, montañas e desertos, para impedir a entrada de inmigrantes latinoamericanos e cuxo orzamento de 21 mil millóns de dólares sería financiado polo goberno de México. Nese mesma orde de ideas : tamén anunciou que prohibiría a entrada a todos os inmigrantes musulmáns... E atacou con vehemencia os pais dun militar estadounidense de confesión musulmá, Humayun Khan, morto en combate en 2004, en Iraq.

 Tamén a súa afirmación de que o matrimonio tradicional, formado por un home e unha muller, é “a base dunha sociedade libre”, e a súa critica da decisión do Tribunal Supremo de considerar que o matrimonio entre persoas do mesmo sexo é un dereito constitucional. Trump apoia as chamadas “leis de liberdade relixiosa”, impulsadas polos conservadores en varios Estados, para denegar servizos ás persoas LGTB. Sen esquecer as súas declaracións sobre o “engano” do cambio climático que, segundo Trump, é un concepto “creado por e para os chineses, para facer que o sector manufactureiro estadounidense perda competitividade”.

 Este catálogo de necidades arrepiantes e detestábeis foi, repito, masivamente difundido polos medios dominantes non só en Estados Unidos senón no resto do mundo. E a principal pregunta que moita xente se facía era: como é posíbel que un personaxe con tan lamentábeis ideas consiga unha audiencia tan considerábeis entre os electores estadounidenses que, obviamente, non poden estar todos lobotomizados? Algo non cadraba.

 Para responder a esa pregunta tivemos que fender a muralla informativa e analizar máis de cerca o programa completo do candidato republicano e descubrir os sete puntos fundamentais que defende, silenciados polos grandes medios.

1) Os xornalistas non lle perdoan, en primeiro lugar, que ataque de fronte ao poder mediático. Repróchanlle que constantemente anime a sociedade nos seus mitins a abouxar os “de”honestos" medios. Trump adoita afirmar: «Non estou competindo contra Hillary Clinton, estou competindo contra os corruptos medios de comunicación[i]» . Nun chío recente, por exemplo, escribiu : «Se os repugnantes e corruptos medios me cubrisen de forma honesta e non inxectasen significados falsos ás palabras que digo, estaría gañando a Hillary por un 20%».

 Por considerar inxusta ou nesgada a cobertura mediática, o candidato republicano non dubidou en retirar as credenciaus de prensa para cubrir os seus actos de campaña a varios medios importantes, entre outros : The Washington Post, Politico, Huffington Post e BuzzFeed. E mesmo se atreveu a atacar a Fox News, a gran canle do dereitismo panfletario, malia que o apoia a fondo como candidato favorito...

2) Outra razón pola que os grandes medios atacaron con saña a Trump é porque denuncia a globalización económica, convencido de que esta acabou coa clase media. Segundo el, a economía globalizada está fallando cada vez a máis xente, e recorda que, nos últimos quince anos, en Estados Unidos, máis de 60.000 fábricas tiveron que pechar e case cinco millóns de empregos industriais ben pagos desapareceron.

3) É un fervente proteccionista. Propón aumentar as taxas sobre todos os produtos importados. «Imos recuperar o control do país, faremos que Estados Unidos volva ser un gran país», adoita afirmar, retomando o seu eslogan de campaña.

 Partidario do Brexit, Donald Trump desvelou que, unha vez elixido presidente, tratará de sacar a EE.UU. do Tratado de Libre Comercio de América do Norte (NAFTA polas súas siglas en inglés). Tamén arremeteu contra o Acordo de Asociación Transpacífico (TPP polas súas siglasen inglés), e asegurou que, de alcanzar a Presidencia, sacará o país do mesmo: «O TPP sería un golpe mortal para a industria manufactureira de Estados Unidos».

 En rexións como o rust belt, o «cinto do óxido» do noreste, onde as deslocalizacións e o peche e fábricas manufactureiras deixaron altos niveis de desemprego e de pobreza, esta mensaxe de Trump está calando fondo.

4) Así como o seu rexeitamento dos recortes neoliberais en materia de seguridade social. Moitos electores republicanos, vítimas da crise económica do 2008 ou que teñen máis de 65 anos, necesitan beneficiarse da Social Security (xubilación) e do Medicare (seguro de saúde) que desenvolveu o presidente Barack Obama e que outros líderes republicanos desexan suprimir. Tump prometeu non tocar estes avances sociais, baixar o prezo dos medicamentos, axudar a resolver os problemas dos «sen teito», reformar a fiscalidade dos pequenos contribuíntes e suprimir o imposto federal que afecta a 73 millóns de fogares modestos.

5) Contra a arrogancia de Wall Street, Trump propón aumentar significativamente os impostos dos corredores de hedge funds que gañan fortunas, e apoia o restablecemento da Lei Glass-Steagall. Aprobada en 1933, en plena Depresión, esta lei separou a banca tradicional da banca de investimentos co obxectivo de evitar que a primeira puidese facer investimentos de alto risco. Obviamente, todo o sector financeiro se opón absolutamente ao restablecemento desta medida.

6) En política internacional, Trump quere establecer unha alianza con Rusia para combater con eficacia a Organización Estado islámico (ISIS polas súas siglas en inglés). Aínda que para iso Washington teña que recoñecer a anexión de Crimea por Moscova.

7) Trump estima que coa súa enorme débeda soberana, os Estados Unidos xa non dispoñen dos recursos necesarios para conducir unha política estranxeira intervencionista indiscriminada. Xa non poden impoñen a paz a calquera prezo. En contradición con varios caciques do seu partido, e como consecuencia lóxica do final da guerra fría, quere cambiar a OTAN: «Non haberá nunca máis garantía dunha protección automática dos Estados Unidos para os países da OTAN».

 Todas estas propostas non invalidan en absoluto as inaceptábeis, odiosas e ás veces noxentas declaracións do candidato republicano difundidas aos catro ventos polos grandes medios dominantes. Pero si explican mellor o por que do seu éxito.

 En 1980, a inesperada vitoria de Ronald Reagan á presidencia de Estados Unidos fixera entrar o planeta nun ciclo de corenta anos de neoliberalismo e de globalización financeira. A vitoria hoxe de Donald Trump pode facernos entrar nun novo ciclo xeopolítico cuxa perigosa característica ideolóxica principal -que vemos xurdir por todas as partes e en particular en Francia con Marine Le Pen- é o “autoritarismo identitario”. Un mundo derrúbase pois, e dá vertixe...

 

[Artigo tirado do sitio web cubano La pupila insomne, do 9 de novembro de 2016]