As arredor de 50 empresas que operan no aeroporto de Santiago irán á folga os días 13, 20 e 27 de setembro

Solicitan a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais no conflito
Compostela - 04 Set 2019

Por vez primeira todas as empresas que operan nun aeroporto do Estado español, neste caso no Rosalía de Castro, están chamadas a secundar unha folga que se desenvolverá os días 13, 20 e 27 de setembro, entre as 4:30 e as 10:30 horas de cada unha desas xornadas. Así o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o comité de folga.

Aínda que unha das causas principais desta convocatoria é a demanda da retirada do expediente de restauración publicado na páxina de AENA o pasado día 2 de agosto -que provocaría a desaparición da cantina- a folga convócase tamén contra a cada vez maior precariedade e temporalidade que se está instalando no sector aéreo; o constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal nas empresas afectadas;  o incumprimento de cobertura das necesidades de persoal en horario nocturno; a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto e o custe do abono de aparcamento obrigatorio soportado polo persoal, de entre 20 e 30 euros ao mes.

O conflito no aeroporto Rosalía de Castro iniciouse no mes de marzo, tras coñecerse a intención de AENA de convocar por separado o concurso de restauración e de cantina, co risco de que a concesión quedara deserta, como xa ocorrera en aeroportos como o de Tenerife Sur ou Sevilla, entre outros.

Daquela as traballadoras e traballadores das diferentes empresas do aeroporto comezaron a organizarse para exixir que se mantivera o servizo de cantina e para denunciar as consecuencias que isto tería para as máis de 1.000 persoas que traballan nas instalacións de Lavacolla, na súa maioría cunhas condicións precarias.

Sen noticias de AENA

Pablo de Prado, traballador de AENA, en representación do comité de folga, lembrou que transcorreron, a partir de aí, cinco meses nos que se remitiron escritos tanto á dirección de AENA como do aeroporto Rosalía de Castro; nos que se sucederon mobilizacións de todo tipo; nos que houbo mocións e pronunciamentos tanto do Parlamento de Galiza, como do concello de Santiago e nos que mesmo mediou a Subdelegada do Goberno en Galiza, Pilar López-Rioboo. “Logo de todo isto, AENA nin se dirixiu, nin se reuniu, nin unha soa vez, coa coordinadora do comité intercentros, por iso nos vemos abocados á folga”, explicou.

E é que a supresión da cantina obrigaría ao persoal a pagar, nas cafeterías de viaxeiros/as, o dobre do que agora pagan na cantina por un menú, un café e un bocadillo. Un gasto insostíbel dados os “salarios precarios –algúns nin chegan aos 500€-, que teñen moitos traballadores e traballadoras de moitas das empresas”.

Neste sentido, José Antonio Rendo, traballador de Iberia, matizou na rolda de prensa, que para o persoal non hai alternativas, xa que “non podemos saír do aeroporto en horario laboral” porque sería considerado abandono de traballo. Isto tendo en conta ademais que, en moitos casos, non poden agardar a rematar a súa xornada porque o persoal está obrigado, por convenio, a manterse no seu posto de traballo cando se producen atrasos nos voos até que cheguen.

Ao remate da rolda de prensa, o comité de folga presentou un escrito no Consello Galego de Relacións Laborais solicitando a súa mediación porque, “a nosa intención é chegar a un acordo e evitar as consecuencias que a folga tería para as usuarias e usuarios”, explicou outro dos membros do comité de folga, Antonio Torres, traballador de combustibles de aviación.

Porén, se AENA segue ignorando as demandas das traballadoras e traballadores, a folga seguirá adiante pola súa irresponsabilidade.