As asembleas de traballadores/as aproban o preacordo para a inclusión dos acordos das auxiliares no convenio do metal

CIG-Industria cualifica de "histórico" a sinatura dun documento que regula as condicións laborais nas empresas do naval público
Ferrol - 07 Nov 2018

Tras máis de catro horas de reunión, na noite deste martes acadábase un preacordo coa patronal provincial de siderometal para a inclusión dos acordos das auxiliares de Navantia no convenio do metal da Coruña. CIG-Industria subliña que este preacordo só foi posíbel "grazas á loita constante do persoal ", que o pasado ano desenvolveu durante 22 días unha folga exemplar, "dando mostra de forza, unidade e determinación pola recuperación do seus dereitos". O documento foi sometido á consideración dos traballadores e traballadoras durante a xornada deste mércores e aprobado por todas as asembleas celebradas nos estaleiros de Fene e Ferrol.

Foi a tenacidade dos traballadores/as a que permitiu que na tarde de onte a patronal provincial, tras meses pondo trabas e esixindo compromisos inasumíbeis, aceptara finalmente a incorporación dos acordos das auxiliares no convenio de siderometal da Coruña, dándolle así carácter legal e respondendo á lexítima reivindicación do persoal, que leva anos loitando para regular as súas condicións salariais e que se recoñezan os seus dereitos. A sinatura deste preacordo supuxo a desconvocatoria da folga que estaba prevista iniciar na xornada deste mércores, 7 de novembro.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, sinala que se trata dun "feito histórico", xa que non hai outro subsector dentro do convenio do metal da Coruña que afecte a un volume semellante de traballadores/as (estamos a falar dun colectivo potencial de 4.000 persoas) e que teña tanta incidencia social nunha comarca, como a industria auxiliar de Navantia en Ferrolterra". "Non coñezo ningún outro colectivo que teña un acordo de subsector incorporado no convenio sectorial", asevera Vidal.

Disposición adicional do convenio

No documento asinado entre a patronal e as centrais sindicais establécese a incorporación inmediata no convenio do metal do acordo alcanzado na Mesa do Naval de Ferrol o pasado 22 de outubro a través dunha disposición transitoria.

Para solucionar calquera problemas de lexitimidade, tamén se pacta a constitución en asociación patronal das empresas do sector do naval público da ría de Ferrol (nun prazo de catro meses) co único obxecto de ratificar o acordo xunto coas organizacións sindicais máis representativas. A partir dese momento, o acordo será incorporado como disposición adicional ao convenio provincial, con toda a forza normativa e a ultravixencia deste último.

"Fronte ao que defendía a patronal provincial, demostramos que si se podían meter os acordos no convenio provincial e que non era preciso negociar previamente un convenio en Ferrol das auxiliares", matiza o responsábel comarcal da CIG-Industria. Neste senso, Ramón Fernández Alfonzo, responsábel comarcal de negociación colectiva da Federación, pon o acento en que onte "logramos levantar a barreira imposta pola patronal provincial para incorporar os acordos no convenio, que dende a CIG levamos 12 anos reclamando. Conseguimos que os acordos estean no convenio de maneira indefinida, dende o mesmo momento no que as empresas se constitúan en asociación patronal para ratificar o acordo cos sindicatos, sen que teña que mediar ningún novo proceso de negociación".

Nesta liña, Fernández Alfonzo reitera  que nada disto sería posíbel sen a determinación dos/as traballadores/as durante a folga do pasado ano, nas mobilizacións e paros realizados nas últimas semanas, na disposición a retomar a folga dende este mércores e, como non, ante a presión de que o próximo día 23, Navantia non puidera realizar a botadura.  

Regular as condicións nas auxiliares

Incluír os acordos no convenio permitirá evitar a competencia desleal que se dá entre as empresas cando presentan ofertas aos concursos de Navantia, a conta de rebaixar os salarios dos/as traballadores/as, ao establecer unhas condicións de referencia de obrigado cumprimento. E evita ademais que, pola eventualidade que caracteriza ao sector, "os obreiros e obreiras teñan que estar negociando o seu soldo cada vez que entrar nunha nova empresa".

E non menos importante, a inclusión no convenio é "a única disposición normativa que ofrece garantía 100% de que vai ser incorporada por Navantia aos pregos de condicións dos seus contratos, sen discusión".

Un longo camiño de loita

No ano 2001, sindicatos e empresas auxiliares do naval público asinaron unhas táboas salariais para equiparar e regular as condicións de todos os operarios e operarias das auxiliares que traballan dentro dos estaleiros. Porén, baixo a escusa da crise e aproveitando a baixada dos contratos de Navantia, as empresas comezaron a inaplicar de xeito unilateral os acordos, por non ter rango de norma.

Dende entón, o persoal iniciou unha loita para esixir as empresas que pagaran polos acordos (actualizados a 2014) e para dotalos de eficacia normativa, a través da súa incorporación no convenio do metal. O incremento da conflitividade ao non dárselle resposta a esta reivindicación na sinatura do convenio provincial do metal, levou a que a CIG, atendendo ao mandato das asembleas de traballadores/as, convocara en outubro do pasado ano unha folga nas auxiliares que, a pesar dos intentos de boicot, deslexitimación e criminalización, mantivo durante 22 días paralizado o sector.

Esta folga demostrou a madurez do sector para pelexar e manter vivas no tempo as súas demandas e hoxe, tras alcanzarse un acordo na Mesa do Naval de Ferrol e tras superar as reticencias da patronal provincial, por fin conclúe o camiño para dotar de eficacia normativa os acordos e rematar coa desregulación no sector.