As asembleas do persoal do metal aproban iniciar mobilizacións por un convenio colectivo digno

Acordaron convocar unha primeira manifestación provincial o sábado 15 de xaneiro na Coruña
A Coruña - 23 Dec 2021

Os traballadores e as traballadoras do sector do metal aprobaron por unanimidade rexeitar a proposta patronal para o convenio provincial da Coruña e iniciar mobilizacións para esixir un convenio que recolla melloras salariais e laborais reais. Esta decisión tomouse nas asembleas abertas celebradas na tarde de onte mércores na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, que foron convocadas pola CIG-Industria ante o bloqueo patronal da negociación.

Deste xeito, acordouse que a primeira mobilización en demanda dun convenio digno realizarase o sábado 15 de xaneiro na Coruña (cun percorrido aínda por concretar) e a partir de aí decidiranse as accións a desenvolver nos próximos meses.

A CIG-Industria explica que o convenio de siderometal da Coruña caducou hai dous anos e despois de numerosas reunións da mesa de negociación non se ten producido ningún avance. Incluso na última xuntanza, o pasado 14 de decembro, a patronal apareceu cunha plataforma para recortar dereitos consolidados no convenio, "que pretendía que se lle asinara a cambio de ofertar un miserento incremento salarial que non garante o mantemento do poder adquisitivo ao estar por debaixo da suba do IPC", sinalan.

A proposta patronal non recolle tampouco ningún dos aspectos máis importantes para o conxunto dos traballadores e das traballadoras do metal, como recoñecer o dereito á subrogación en todos as actividades, a aclaración dos pluses de perigosidade, toxicidade e penosidade, a limitación da xornada a 8 horas, rematar coa precariedade imposta a través da contratación por ETT e as subcontratas, ou acabar cos  abusos das mutuas.

Rachar co bloqueo patronal

Ante o bloqueo patronal e a falta de reposta de CCOO e UGT ás propostas de mobilización trasladadas pola CIG, a central acordou convocar estas asembleas abertas para que foran os traballadores e traballadoras quen se pronunciaran sobre o seu convenio. A mensaxe foi clara: non rotundo á plataforma patronal e unha aposta por abrir conflito co obxectivo de conseguir un convenio digno e con auténticas melloras salariais e das condicións de traballo.