As asembleas de persoal instan a Navantia a desbloquear o proceso de incorporación

A sección sindical da CIG reclama que o acceso se faga baixo criterios de obxectividade e transparencia
Ferrol - 26 Feb 2020

As asembleas de traballadores e traballadoras de Navantia Ferrol deron de marxe á dirección da empresa até o próximo 6 de marzo para que impulse o proceso de prazas de acceso do ano 2019 coas garantías necesarias para as persoas que se presentaron e que se negocie un calendario de aplicación dos acordos.

Dende a CIG-Navantia Ferrol manifestan a satisfacción polo apoio dado polas asembleas á proposta de criterios a defender diante da dirección e sinalan que a "pelota está agora no tellado da empresa" polo que lle reclaman "altura de miras" para finalizar un proceso de acceso "que nunca debeu chegar á situación na que se atopa".

Nas asembleas celebradas onte tamén se acordou que, no caso de que Navantia continúe co bloqueo actual, se iniciarán as medidas sindicais oportunas para reverter a situación.

Obxectividade e transparencia nos procesos

Nas bases para o acordo aprobadas polas asembleas demándase a publicación das listas de persoas admitidas e non admitidas, especificando as causas concretas da non admisión; que se atendan todas as reclamacións realizadas en prazo, velando polo estrito cumprimento das bases; e que se inicie a primeira fase das prazas de técnico/a superior junior en igualdade de condicións para todas as persoas admitidas.

De igual xeito que se conte coa participación da parte social na totalidade dos proceso de acceso de TS; que o acceso ás prazas logo do actual acordo para 2019 sexa público e transparente, con criterios obxectivos e con garantías; e que as prazas corporativas sexan acordadas coa representación social antes da súa publicación.

Neste senso, a CIG-Navantia Ferrol demanda que os procesos de acceso para 2020, 2021 e 2022 se fagan con todas as garantías e con todo tipo de prazas. "Para empregados/as, operarios/as e técnicos/as superiores serán baixo as premisas de obxectividade e transparencia que deben presidir o acceso a un posto de traballo nunha empresa pública dunha sociedade avanzada como pretende ser a da nosa comarca. Isto é, tomando como modelos a seguir os procesos de oposición e/ou concurso-oposición e con todas as garantías para as persoas que participen no proceso como opositoras".