As auxiliares de Endesa farán un paro e unha concentración este mércores pola parálise da central

Esixen medidas para que a parada da produción non afecte ao emprego

As Pontes -

Os traballadores e as traballadoras das auxiliares da central térmica das Pontes teñen convocado un paro laboral de unha hora para mañá, mércores 21 de agosto, ante a situación de parálise da planta e a falta de alternativas definidas para a continuidade da actividade produtiva e dos empregos. A folga parcial irá acompañada dunha concentración do persoal diante da rotonda de acceso á central das Pontes entre ás 12:00 e ás 13:00 horas.

A decisión de convocar este primeiro paro tomouse na asemblea de traballadores/as celebrada a pasada semana e con esta medida quérese alertar do previsíbel recorte de emprego nas auxiliares de Endesa no curto prazo ao terse suspendido o transporte de carbón, reducírense os servizos contratados ás auxiliares coa escusa de rebaixar custes e ante a posibilidade mesmo de que o persoal propio da central asuma tarefas que até agora realizaban os operarios/as da contratas.

Nesa asembleas informouse asemade do contido da reunión que as organizacións sindicais mantiveron co conselleiro de Industria e a conselleira de Infraestruturas o pasado 9 de agosto, na que se abordou a situación derivada do paro produtivo que se prolonga dende hai xa catro meses e as consecuencias sobre o emprego e a economía dunha localidade altamente dependente da actividade desta central.

Á espera de manter reunións con Endesa, o Ministerio e o comisario europeo

Á petición das organizacións sindicais, explica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, a Xunta comprometeuse a tramitar tres reunións: coa dirección de Endesa en Madrid para reclamarlle que paralice calquera medida que poida afectar o emprego; co Ministerio de Transición Ecolóxica para reclamarlle unha modificación a respecto do céntimo verde para que haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión. E por último, co comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, para instalo a actuar sobre o mercado de emisións de CO2.

O compromiso pasa porque nestas reunións non só participe a Administración galega senón unha representación das organizacións sindicais e a maiores demandóuselle á Xunta de Galiza que inste a Endesa a dar unha marxe de tempo abondo sen aplicar medidas traumáticas para os postos de traballo mentres concreta as alternativas á produción de enerxía mediante carbón.

"Necesítase tempo para ver como se vai afrontar esta transición e como se pode minimizar o impacto no emprego, xa que todo indica que a central non retomará a produción de carbón. Pero isto ten que ir acompañado dun compromiso por parte de Endesa, non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora pretende tirar un pouco máis de rédito e logo pechar a central sen formular ningunha alternativa", asevera Amado.

Volver