As bases do concurso para adxudicar a xestión das escolas infantís do Concello de Sanxenxo vulneran os dereitos laborais

A CIG-Salnés presentou alegacións para que o persoal poida negociar as vacacións e teña garantía de cobro

Sanxenxo -

Os pregos de condicións do concurso para adxudicar a xestión das dúas escolas infantís do Concello de Sanxenxo vulneran os dereitos laborais, polo que a CIG-Salnés presentou alegacións para que, entre outras cousas, o cadro de persoal poida negociar coa empresa cando goza as súas vacacións e teña garantía de cobro en caso de incumprimento por parte do empresario/a.

Segundo explicaron hoxe en rolda de prensa Anxo Lúa, Marta Ferreiro e Xoán Xosé Bouzas, o pasado 29 xaneiro saíron publicados os pregos de condicións do concurso para adxudicar a xestión das escolas infantís do Concello de Sanxenxo. “Unha vez revisadas as bases detectamos unha serie de modificacións importantes a respecto dos dereitos das persoas traballadoras”. 

Segundo a bases, o período de vacacións poderá ser imposto pola empresa

En primeiro lugar, o feito de que os pregos regulan a apertura e o peche dos centros educativos, “cousa que en anos anteriores non se facía”. En consecuencia, o período de vacacións -que antes era negociado de mutuo acordo entre empresa e cadro de persoal tal e como recolle o propio convenio e o Estatuto dos Traballadores/as- poderá ser imposto pola empresa. E iso porque se establece como período vacacional do 1 ao 10 de setembro, a Semana Santa e o Nadal, “para que coincida coas vacacións escolares”.

Na CIG entenden que se vulnera o dereito de subrogación do persoal recollido no convenio, xa que a nova empresa ten que subrogalo cos seus dereitos e os seus deberes. “Entendemos que se está a incumprir a lei de contratación administrativa, xa que non recolle que as bases dos concursos poidan regular dereitos laborais”.

Ao mesmo tempo, sinalan que o orzamento de licitación é de 2.346.000 euros, o que supón un incremento de 466.000 euros con respecto ao orzamento anterior, do ano 2016. “Por iso non entendemos que cun aumento económico do 19% se poidan recortar dereitos laborais”.

Contencioso administrativo

Por todo isto decidiron impugnar os pregos de condicións e reclamar que se introduza unha garantía de cobro no caso de que o empresario/a non cumpra coas súas obrigas, tanto salariais como de cotización á Seguridade Social.

“Solicitámoslle ao Concello que retire as bases do concurso para evitar que se vulneren os dereitos do cadro de persoal e que redacte unhas novas bases garantindo o respecto a estes dereitos; e agardamos que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública resolva o noso favor e vele polos dereitos dos traballadores/as”. Do contrario, non descartan presentar un recurso contencioso administrativo para que se garantan os dereitos laborais dos 25 traballadores/as das dúas escolas infantís do Concello de Sanxenxo.

Volver