As centrais demandan tempo a Endesa e non tomar medidas traumáticas que afecten ao emprego

Unha representación das organizacións sindicais mantivo un encontro coa dirección da central das Pontes

As Pontes -

Dentro das accións que está a realizar o persoal das auxiliares de Endesa ante a falta de actividade na central e a incerteza sobre o futuro dos postos de traballo, este martes producíase unha reunión entre as organizacións sindicais e a dirección da empresa nas Pontes á quen se lle demandou que, alén de asumir a crítica situación actual, dea tempo abondo para buscar solucións e que neste período non se tomen medidas traumáticas que afecten ao emprego.

Na reunión, por decisión expresa da dirección, non puido estar presente unha representación directa dos traballadores/as das compañías auxiliares, polo que só asistiron ao encontro representantes das centrais sindicais, quen puxeron énfase no feito de que logo de máis de 40 anos de beneficios, "non se pode pór en cuestión o futuro do emprego nas Pontes por tres meses de perda".

Por iso, demandouse da empresa que dea un tempo prudencial durante o cal non se adopten medidas traumáticas que afecten ao emprego, "para poder comprobar as variacións do mercado de CO2,  que ademais nos permita demandar das Administracións Públicas unha resposta e, tamén, cobertura sobre os efectos que, por decisións políticas, vai ter na centrais de carbón o proceso da denominada “descarbonización”". Un proceso, engaden dende a coordinadora, "que sempre vén acompañado dunha denominada transición xusta”que a aos traballadores/as das auxiliares, se non o evitamos, pode chegarnos tarde".

Alternativas nas que traballa a empresa

Na xuntanza, logo dunha explicación moi profunda e detallada sobre a situación actual e a súa repercusión no normal funcionamento da central térmica e despois de cuantificar o investimento nas instalacións, a dirección tamén informou das alternativas que nas que traballa para paliar a falta de produción. Entre outras, buscar carbóns máis baratos no mercado internacional, probar o uso de lodos de depuracións e de biomasa xa que estes combustíbeis non pagan por CO2; ou intentar conseguir o dereitos a pagos por capacidade, que podería tardar varios anos e para o que se fai necesario reducir á metade o actual nivel de emisións.

Non obstante, segundo informa a coordinadora, dende a empresa tamén recoñecen que estas posíbeis solucións, de ter éxito, só significarían o funcionamento da metade das horas anuais. "Como medidas inmediatas para reducir os gastos da central térmica, decidiron anular os traballos previstos na parada programada do Grupo 2. Ademais queren reducir gastos no mantemento normal, pois consideran que se a central non funciona, precisa de menos revisións", sinalan.

Redución dos traballos contratados ás auxiliares

De feito, dende a dirección sinalaron que xa están comunicando a necesidade de traballo ás compañías auxiliares, "nunha redución de servizos que estiman en arredor do 50-60%, e que vai ter efectos evidentes no persoal das auxiliares", advirten.

Sobre a formación prevista para o persoal propio, a intención máis inmediata da dirección de Endesa é cubrir prazas no Ciclo Combinado de Gas, tamén en coñecemento de renovábeis, "pois podería ser o futuro deste persoal e, como última medida, en formación en mantemento, para rescatar traballo das auxiliares e porque, ademais, non vai seguir mantendo persoal a quenda cando está sen traballo real".

Volver