As centrais urxen a patronal do metal pontevedrés a desbloquear as negociacións do convenio provincial

A CIG, CCOO e UGT apostan por pactar un novo acordo que volva ser referente no sector

Pontevedra -

Despois de nove xuntanzas da mesa negociadora do convenio provincial do metal de Pontevedra, a CIG, CCOO e UGT entenden que “quedou clara a nula vontade da patronal de avanzar na consecución dun acordo” a pesar de que as centrais fixeron un “esforzo común” e consensuaron unha serie de propostas co obxectivo de desbloquear a negociación “e lograr un convenio que volva ser referente no sector”.

Deste xeito, os tres sindicatos con representación na mesa negociadora do convenio provincial pontevedrés elaboraron unha proposta que contempla unha serie de cuestións que consideran fundamentais á hora de pactar un novo acordo laboral: 

Os sindicatos presentes na mesa negociadora achegaron unha proposta conxunta

-Subrogación das empresas privadas para garantir o mantemento do emprego e reducir a precariedade.

-Incremento salarial acorde ao esforzo do persoal do sector, “máis aínda neste tempo de pandemia, arriscando incluso a saúde”.

-Redución da xornada anual, evitando así ter unha das xornadas máis altas da media dos convenios colectivos.

-Control dos Centros Especiais de Emprego, sendo referentes e garantindo a inclusión das persoas traballadoras con capacidades especiais.

-Políticas contra o acoso para previr situacións discriminatorias, creando protocolos contra o acoso laboral, moral, por razóns de xénero ou orientación sexual.

-Rexistro de xornada. É necesario axeitalo ao que marca a lexislación laboral para o control horario.

-Actualizar licenzas de acordo coas novas realidades persoais.

Reforzar o sector

As tres centrais consideran que a patronal ten que ser consciente da súa responsabilidade e non esquecer que este sector foi un dos menos castigados pola crise da covid, mantendo grande parte da súa actividade. “Instamos a ASIME, ATRA e INSTALECTRA a reforzar o sector e a afastarse de posicións rancias e obsoletas que non poñen en valor o esforzo dos traballadores/as, logo que de que esta nova crise amosase a importancia dun sector industrial forte, fuxindo da precariedade e da estacionalidade”.

Finalmente, aclaran que non están dispostas a retroceder nas súas posicións, polo que reclaman avances claros na negociación e urxen a patronal a que aposte polo diálogo e non polo conflito.

Volver