As centrais sindicais chaman a toda a veciñanza da comarca a saír á rúa para esixir “Futuro para A Mariña”

Convocan manifestación en Viveiro para o domingo 17 de outubro

A Mariña -

O domingo 17 de outubro é o día elixido polos tres sindicatos maioritarios para levar a cabo unha mobilización que pretenden sexa multitudinaria. Trátase dunha manifestación que partirá ás 12h do Cruz Vermella de Viveiro (na Ponte da Misericordia) para rematar no templete dos Xardíns de Noriega Varela. O motivo da convocatoria é “reclamar das administracións públicas estatal e autonómica unha resposta inmediata para frear a sangría económica e laboral que padece a Comarca”.

Así o explicaron o responsábel da Unión Local da Mariña, Xorxe Caldeiro, a secretaria comarcal de CCOO, María José Novoa, e o representante da UGT, Diego Ballesteros, quen denunciaron o abandono no que leva sumida a comarca dende hai décadas, a pesares de que tanto o goberno central como o autonómico “tiñan, e teñen, a obriga de impulsar aquelas infraestruturas e servizos que sistematicamente foron reclamados e nunca atendidos”.

Caldeiro lembrou que foron moitas as ocasións nas que se alzou a voz da Mariña (a última na multitudinaria manifestación de Burela en xuño do pasado ano), para pedir que se investise nesta comarca, para que a riqueza e prosperidade non estivese ligada á evolución da empresa que cambiou co seu asentamento a fisionomía do territorio. “Pero esas reivindicacións foron sistematicamente ignoradas. A autovía A74, o corredor, a apertura do dique norte do porto de San Cibrao, o FEVE… son algunhas desas demandas non atendidas e que seguen enquistadas”, indicou.

Neste senso, subliñou que o paso dos anos non fixo decaer a necesidade de executar estas propostas, moi ao contrario, resultan máis evidente a medida que pasa o tempo. As centrais sindicais afirman que a crise dos sectores tradicionais, da pesca, do agro e o posterior derrube do sector inmobiliario e con el da construción, “foron toques de atención non atendidos, sinais da imperiosa necesidade de poñer sobre a mesa novas potencialidades, novas ferramentas, que servisen como estimulo á implantación de novas empresas que diversificaran o tecido industrial e económico da comarca”.

Declive industrial e de servizos da comarca

O peche nos últimos anos de varias empresas emblemáticas na comarca foron o prólogo do agravamento da situación laboral e social, “suficientemente elocuentes para que vexamos que é preciso abandonar diferenzas e unir as nosas voces na reclamación a quen tanto debe a esta comarca”, valoraron. “É o momento de actuar, non de pasarse as responsabilidades dun executivo a outro” afirmou Xorxe Caldeiro, “Xunta e Goberno estatal teñen as competencias e os medios necesarios para facer realidade o que non fixeron en moitos anos”.

A recente comunicación de peche da planta de Vestas en Chavín, súmase á perda constante de servizos como oficinas bancarias de distintas entidades, a redución de persoal no ensino ou na sanidade pública, que non fan máis que ratificar a urxente necesidade de actuar inmediatamente.

Unidade para garantir o futuro

Na comparecencia deste xoves, informouse que as tres centrais sindicais manteñen contactos a marchas forzadas con todos os sectores económicos (comercio, pesca, hostalería, forestal…) coa idea de converter a manifestación nun acto de toda a sociedade comarcal, no que teña cabida toda a pluralidade e diversidade que compón a comarca da Mariña.
É por iso que, a pesar de actuar como convocantes, pretenden que “a manifestación sexa unha marcha de toda a sociedade mariñá, que as persoas sexan as únicas protagonistas desta xornada reivindicativa”.

Conclúen apelando á implicación de todo o mundo, xa que consideran que é vital para que os gobernos de Madrid e Santiago visualicen a determinación da Mariña nas súas reivindicacións, tanto para manter as factorías de alumina-aluminio e de Vestas activas, garantir os postos de traballo que dependen delas así como para asentar as bases para o

Volver