As centrais sindicais cualifican de "desastrosa" a reunión da Mesa de Transición Xusta das Pontes

Nin se acadaron garantías de emprego para as auxiliares nin houbo avances para a sinatura do convenio
As Pontes - 03 Xun 2021

As organizacións sindicais cualifican de “desastrosa” a reunión da Mesa de Transición Xusta das Pontes celebrada este mércores, xa que non se acadaron garantías para o mantemento de emprego na industria auxiliar e a paralización dos traslados da empresa principal máis alá do 30 de xuño, data na que remata o compromiso logrado anteriormente "grazas ás continuas mobilizacións do persoal". Un compromiso que agora está en cuestión ante os novos prazos da tramitación administrativa do expediente de peche da central térmica.

A xuntanza foi un novo exemplo da confrontación entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galiza e Endesa, no que se refire ao proxecto de biocombustíbeis para a central. Neste sentido, as organizacións sindicais critican que despois de ano e medio con probas, e cando na reunión de xaneiro se quedara en concretar o proxecto a quince días vista, “atopámonos cunha proposta presentada pola Xunta de Galiza, sorprendentemente a noite anterior á reunión deste día 2, na que se solicita unha prima de 30 €/megavatio/hora para facer viábel o proxecto”.

A representación social considera “irresponsábel” a actitude da administración galega sobre esta cuestión, xa que entenden que só busca "poñerlle deberes" ao Ministerio e a Endesa,  mais sen asumir, como goberno galego ningún compromiso. A tal punto, engade Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, que a pesar de solicitárselle repetidas veces, "a Xunta nin sequera presentou unha proposta empresarial alternativa a Endesa que acepte levar a cabo a súa iniciativa cos biocombustíbeis".

Endesa, Ministerio e Xunta abandonan o persoal

Mais as críticas dos sindicatos tamén van dirixidas ao MITECO e á propia Endesa por pretender pórse de perfil nas súas responsabilidades, escudándose na prolongación dos prazos de execución debido ao trámite ordinario de impacto ambiental para o peche formal da térmica. "Utilizan esta escusa para non achegar ningunha solución, só o silencio, ante o inminente impacto que vai ter no emprego. Así non pode haber nin unha transición que sexa realmente xusta, nin se mantén a consigna de non deixar ninguén atrás", asevera Amado. Mais ben ao contrario, con esta inacción, "os efectos sobre o emprego serán demoledores".

"Estamos a ver como os traballadores/as están sendo abandonados, sen garantírselles alternativas, mais desta situación teranse que responsabilizar a Xunta de Galiza, o MITECO e Endesa", subliñan as centrais sindicais. Fronte a este futuro incerto, esixen medidas inmediatas para avanzar nunha transición xusta e que garanta o emprego durante o proceso administrativo que se prolongará polas alegacións presentadas ao procedemento medioambiental pola Xunta de Galiza e a administración local.

Neste senso, Amado tamén reiterou a necesidade de que se concreten xa os proxectos e alternativas para garantir o futuro industrial das Pontes, que permitan o mantemento do emprego e da economía da localidade ante o impacto do peche da central..

O Protocolo de Transición Xusta, sen avances

E nesta liña, na xuntanza deste mércores, as centrais sindicais volveron demandar a sinatura do Protocolo de Transición Xusta, para posteriormente formalizar o Convenio de Transición Xusta para As Pontes, "pero unha vez máis atopámonos co enfrontamento Ministerio-Xunta, sobre cuestións de cogobernanza e formación, sen que ao final quedase claro tampouco se íamos avanzar na creación deste instrumento para impulsar unha transición xusta".

"Para nós, o tempo real remata o 30 de xuño, e a partir desa data estamos na maior das indefensións", alertaron.