As centrais poñen data ás reunións cos Gobernos español e galego para tratar medidas para Ferrolterra

Tras do éxito da folga comarcal, CIG, CCOO e UGT urxen respostas inmediatas das administracións
Ferrol - 16 Mar 2021

Os secretarios comarcais de CIG, CCOO e UGT en Ferrol compareceron en rolda de prensa este martes para avaliar a xornada de folga comarcal e a manifestación do pasado 10 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega. Os representantes sindicais valoraron moi positivamente o desenvolvemento desta xornada de loita "na que o conxunto da cidadanía entendeu e ten asimilada a necesidade de movernos para esixir solucións".

"A resposta dos traballadores e das traballadoras foi exemplar: o sector da industria parou practicamente ao 100%, e nos sectores de servizos a incidencia foi moi importante, superando o 75% de seguimento da folga", salientou Manuel Anxo Grandal, secretario da CIG-Ferrol, quen apuntou que a responsabilidade de aplicar medidas e políticas que revertan a fonda crise destas comarcas "está nas mans do goberno do Estado e do goberno da Xunta".

Para Grandal, a mobilización do 10 de marzo constitúe un punto de inflexión, polo que, ante a falta de resposta da Xunta, do Ministerio de Facenda e a SEPI e do Ministerio de Transición Ecolóxica ás solicitudes de xuntanzas trasladadas polos tres sindicatos, "puxémoslle nós data para o 22, 24 e 26 de marzo, como referencia e advertencia de que non imos seguir agardando". Por iso, avanzou que, de non confirmarse esas reunións, "daremos a resposta acaída no curto prazo".

"Xa pasou o tempo das milongas"

Neste senso, reiterou que o tempo de "marear a perdiz" xa pasou e as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal precisan con urxencia a posta en marcha de políticas para a súa reindustrialización, para asentar tecido produtivo que xere emprego estábel e en condicións dignas, para dotar de carga de traballo os estaleiros e levantar o novo dique, para que se peche o ciclo da madeira, para garantir unha transición enerxética xusta e alternativas ao peche da central das Pontes, para que se constrúan as infraestruturas longamente comprometidas ou para revitalizar o sector pesqueiro, marisqueiro e agrogandeiro.

"Non temos intención de ir á Xunta escoitar milongas. O goberno galego ten que concretar cales deses 108 proxectos que di que vai presentar aos fondos de resilencia son para as nosas comarcas. E o mesmo pasa co goberno español, debe concretar que proxectos ten", aseverou. Grandal engadiu que, ademais, estas medidas teñen que aplicarse con urxencia e evitarse situacións "tan inconcibíbeis" como que o barco Evrima que se constrúe en Barreras "marche para Santander", cando os traballos de pintado se poderían facer nos estaleiros da ría de Ferrol.

"A Xunta non pode permitir estes feitos e menos despois das inversións en Barreras. E de igual maneira, estamos en perigo de perder a transformación do famoso buque Galicia". Dada a dependencia económica que a comarca ten do sector naval, "falar de carga de traballo é unha necesidade tremendamente urxente", espetou Grandal, demandando datas concretas, prazos e respostas inmediatas por parte das administracións. "De non ser así, seguiremos utilizando a ferramenta que temos como clase obreira, que é a mobilización. Non podemos parar até ter enriba da mesa propostas concretas con prazos concretos", concluíu.