Urxen a implicación do conselleiro de Industria para frear a deslocalización de servizos en R Cable

O persoal das contratas e a principal segue as mobilizacións en defensa do emprego

A Coruña -

O persoal de R e as súas contratas continúa en pé de loita contra o proceso de traslado de servizos e de emprego fóra de Galiza iniciado por Euskaltel, propietaria da empresa de telecomunicacións. Nesta ocasión as protestas trasladáronse até o edificio administrativo da Xunta na Coruña, onde as centrais sindicais entregaron por rexistro un escrito dirixido ao conselleiro de Industria para solicitarlle unha reunión e a intervención inmediata do Goberno galego co obxectivo de frear esta deslocalización que pon en risco a continuidade de máis de mil empregos na provincia da Coruña e compromete a prestación dun servizo de calidade.

Entre empregos directos e indirectos, calcúlase que hai máis de 1.200 persoas traballando para R Cable na Coruña. Pero a decisión de Euskaltel (propietaria de R e que á súa vez está controlada polo fondo de inversión Zegona) de avanzar no proceso de externalización e deslocalización, principalmente a Asturies e Euskadi, pon en risco a continuidade de moitos destes empregos.

Neste senso, o secretario de Organización da CIG da Coruña, Óscar Calvo, incidiu no importante impacto económico e laboral que a decisión empresarial ten na comarca. "R ten contratos con empresas do sector TIC e do sector de centros de chamadas, que empregan a centos de traballadoras e traballadores que se verán afectados por una decisión que o único que busca é maximizar o beneficio empresarial".

A este respecto, o anuncio sobre as pretensións da empresa de desfacerse dun activo tan importante como a súa propia rede, auguran unha aceleración deste proceso de traslado. Pero non cómpre perder de vista que a rede de R se construíu en grande medida a través de subvencións públicas e supón un activo fundamental para o noso desenvolvemento. "Unha empresa que tiña que ser un dos nosos principais motores tecnolóxicos estase a converter en materia de especulación", denúnciase no escrito que hoxe se remitiu ao conselleiro.

Unha rede construída con cartos "de todas e todos nós"

Por iso, os traballadores e as traballadoras reclaman a Xunta que actúe na defensa do emprego, do tecido produtivo e para garantir a calidade duns servizos de telecomunicacións "que se construíron a conta dos cartos públicos de todas as galegas e galegos". Nesta liña, unha das demandas ao conxunto das Administracións é que revisen os contratos ou licitacións de maneira que se teña en conta nas valoracións que o traballo auxiliar das compañías contratadas estea vinculado ao territorio e que se garanta a atención en galego nos servizos telefónicos á cidadanía.

Manifestación o martes 22 na Coruña

A mobilización deste mércores sirve para quentar motores de cara á manifestación que as centrais sindicais teñen convocada para o vindeiro martes 22 de outubro na Coruña, con saída ás 19:00 horas dende a tenda de R da Rúa Compostela. Para esa xornada tamén están previstos paros parciais en diferentes empresas afectadas polo traslado de servizos.

Volver