As cinco xuntas de persoal funcionario da Xunta piden a dimisión do director xeral de Función Pública

Pola súa "manifesta incompetencia" na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos

Nacional -

As xuntas de persoal funcionario da administración galega acordaron solicitar a dimisión, ou alternativamente a destitución, do actual director xeral da Función Pública, José María Barreiro, pola súa "manifesta incompetencia na xestión dos concursos de traslados e dos procesos selectivos". Os órganos de representación remitiron escritos con esta demanda tanto á Dirección Xeral como á Consellaría de Facenda polo "prexuízo aos dereitos das persoas empregadas públicas que desenvolven o seu labor na Xunta de Galiza" que leva causado a actuación do actual responsábel de Función Pública.

As representación social cualifica de "nefasta" a actual xestión do persoal, tanto procesos selectivos como na adxudicación de postos por concursos de traslados. "A tramitación dos procesos selectivos, especialmente os de promoción interna, xa é máis unha carreira de obstáculos que un proceso de promoción dun persoal que xa conta con coñecementos e experiencia acreditada coa súa antigüidade", subliñan.

Concentración na Coruña

A Xunta de Persoal Funcionario da Coruña acordou convocar unha concentración para o vindeiro xoves 18 de novembro, ás 11 horas, diante do Edificio Administrativo de Monelos para denunciar a xestión do director xeral de Función Pública e esixir a súa dimisión.

Denuncian que "a incompetencia do director xeral da Función Pública é clara desde que foi nomeado, e deixase ver nas súas actitudes nas mesas de negociación. Son 12 anos de incapacidade na xestión de persoal, cuns interminábeis concursos de traslados que ou levan décadas de atraso ou unha vez convocados se prolongan case permanentemente".

Como exemplo, expoñen o acontecido na semana pasada co concurso de traslados de corpos xerais, que vai cumprir dous anos desde a súa convocatoria, e ante a imposibilidade de concluílo, a Xunta publicou unha ampliación do prazo para resolver, amparándose nun artigo que fala da falta de persoal para resolver os procedementos e sen indicar o período durante o cal se fai a prórroga. "Todo isto despois de non dicir nada sobre esa prórroga nunha reunión negociadora celebrada uns días antes", critican.

Problemáticas que levan unha década sen resolverse

Xunto a isto, advirten do aumento dos asuntos sen resolver, ou mal resoltos, durante todo o período que Barreiro leva ocupando a Dirección Xeral de Función Pública: dende a consolidación prevista na disposición transitoria décima do V Convenio do Persoal laboral, aos concursos de traslados do persoal laboral e do persoal de corpos especiais, e de veterinaria, até a RPT do persoal do Consorcio do Benestar.

"Asuntos que van todos para cumprir unha década, ou máis, sen convocarse ou resolverse, sumados a outras decisións que foron rectificadas polos tribunais mostran claramente a incompetencia como xestor da Función Pública do señor Barreiro. Por todo isto, e coas queixas que nos fixeron chegar as compañeiras e compañeiros, a totalidade das cinco Xuntas de Persoal do funcionariado da Xunta de Galiza acordamos solicitar a súa dimisión, ou alternativamente a destitución, do actual director Xeral da Función Pública".

Falta de exames equilibrados

No relativo aos procesos selectivos, no comunciado conxunto, as xuntas de persoal salientan que o paradigma dos despropósitos foi o proceso de acceso ao grupo C2, tanto en promoción interna como en libre, no que en lugar de facerse un exame equilibrado dos coñecementos que deberían ter as persoas que optaban a eses postos "houbo unha competición sobre quen sabía máis exclusivamente sobre unha parte do temario: as follas de cálculo".

"No proceso de promoción interna deixáronse vacantes máis da metade das prazas convocadas e no libre foi a culminación do desatino", continúan. Neste senso, critican que o exame, composto de 40 preguntas sobre o paquete ofimático LibreOffice (folla de cálculo, procesador de texto, base de dados...), tivo 32 preguntas sobre folla de cálculo e só 8 sobre o resto. "Por enriba, as preguntas da folla de cálculo tiñan un enunciado excesivamente complexo para o grupo C2, con fórmulas con funcións ligadas cun nivel de dificultade moi superior ao traballo a desenvolver por ese grupo. Parece que só se buscasen candidatos/as especialistas en follas de cálculo. Algo semellante a isto aconteceu noutros procesos selectivos".

Prexuízos para o persoal e as persoas usuarias

Sobre as consecuencia da parálise do concurso de traslado, explican que  prexudica economica e profesionalmente as persoas que solicitaron participar, mais tamén as persoas usuarias dos servizos públicos, xa que a interinidade a que este xeito de actuar condena o persoal (desde o que se encarga de materias tan sensibles como a valoración de discapacidade, dependencia ou menores até as xefaturas de servizo posto que nunca se convocou o concurso específico recollido na lei) incide nunha deficiente prestación dos servizos.

Así, subliñan que a esaxerada rotación do persoal impide que o traballo sexa xestionado coa necesaria perspectiva por parte do persoal asignado, ao que hai que sumar as amortizacións sistemáticas de prazas co conseguinte aumento da carga de traballo para os empregados e empregadas que quedan.

Volver