As contratas de R volverán á rúa para rexeitar a deslocalización de servizos e a perda de emprego

Convocan seis xornadas de folga e novas mobilizacións na Coruña

A Coruña -

O cadro de persoal de COMFICA, empresa que presta servizo de soporte telefónico para R na provincia da Coruña, vém de convocar novas xornadas de folga e protestas para rexeitar a intención da empresa de deslocalizar servizos a outras zonas do Estado, o que pon en perigo a continuidade de moitos postos de traballo no noso país.

Os paros, que serán de 24 horas e se acompañarán de mobilizacións, desenvolveranse os días 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de agosto. Coincidindo coa xornada de mañá martes levarán a cabo unha concentración no Obelisco coruñés a partir das 19:30 horas, mentres que o mércores 14 a protesta terá lugar diante das instalacións de R no polígono de Agrela ás 12:00 horas.

Segundo explican dende a CIG-Industria da Coruña, estas novas medidas de presión son para reclamar que se manteñan en Galiza os empregos que a compañía de telecomunicacións quere levar fóra. Lembran que a decisión de Euskaltel (propietaria de R) de deslocalizar servizos que agora se realizan dende a Coruña a outros territorios como Asturies ou Euskadi pon en perigo a continuidade de máis dun milleiro de empregos na nosa terra.

Volver