As crises da esquerda latinoamericana

Emir Sader -

O período histórico actual está marcado por profundos retrocesos a escala mundial. As alternativas de esquerda están nun posición defensiva, que do que se trata neste momento é de saír da hexemonía do modelo neoliberal, construír alternativas, apoiándose nas forzas da integración rexional, nos BRICS...

 Pódese dicir que hai dúas esquerdas en América Latina e que ambas padecen de crises, cada unha ao seu xeito. Unha é a que chegou aos gobernos, empezou procesos de democratización das sociedades e de saída do modelo neoliberal e que hoxe se enfronta a dificultades -e distinta orde, desde fóra e desde dentro- para dar continuidade a eses procesos. A outra é a que, aínda vivindo en países con continuados gobernos neoliberais, non logra sequera constituír forzas capaces de gañar eleccións, chegar ao goberno e empezar a superar o neoliberalismo.

 A esquerda posneoliberal tivo éxitos extraordinarios, aínda máis tendo en conta que os avances na loita contra a pobreza e a desigualdade se deron nos marcos dunha economía internacional que, ao contrario, aumenta a pobreza e a desigualdade. No continente máis desigual do mundo, cercados por un proceso de recesión profunda e prolongada do capitalismo internacional, os gobernos de Venezuela, Brasil, Arxentina, Uruguai, Bolivia e Ecuador diminuíron a desigualdade e a pobreza, consolidaron procesos políticos democráticos, construíron procesos de integración rexional independentes de Estados Unidos e acentuaron o intercambio Sur-Sur.

 Mentres que as outras vertentes da esquerda, por distintas razóns, non lograron construír alternativas aos fracasos dos gobernos neoliberais, das cales os casos de México e de Perú son os dous máis evidentes, mostrando incapacidade, até o de agora, de tirar leccións dos outros países, para adaptalas ás súas condicións específicas.

 En que consiste a crise actual das esquerdas que chegaron ao goberno en América Latina? Hai síntomas comúns e trazos particulares a cada país. Entre eles están a incapacidade de contrarrestar o poder dos monopolios privados dos medios de comunicación, aínda nos países nos que se avanzou en leis e medidas concretas para crebar o que é a espiña dorsal da dereita latinoamericana. En cada un deses países, en cada unha das crises enfrontadas por eses gobernos, o rol protagónico foi dos medios de comunicación privados, actuando de forma brutal e asoballante en contra dos gobernos, que contaron con éxitos na súa xestión e un amplo apoio popular.

 Os medios ocultaron os grandes avances sociais en cada un dos nosos países, censuráronos, taparon os novos modelos de vida que os procesos de democratización social promoveron na masa da poboación. Doutra banda, destacan problemas illados, dándolles proxeccións irreais, difundindo incluso falsidades, co propósito de deslexitimar as conquistas logradas e a imaxe dos seus líderes, sexa negándoas, sexa intentando destacar aspectos secundarios negativos dos programas sociais.

 Os medios promoveron sistematicamente campañas de terrorismo e de pesimismo económico, buscando baixar a autoconfianza das persoas no seu propio país. Como parte específica desa operación están as sistemáticas denuncias de corrupción, sexa a partir de casos reais aos que deron unha proporción desmesurada, sexa inventando denuncias polas cales non responden cando son cuestionados, pero os efectos xa foron producidos. As reiteradas sospeitas sobre o accionar dos gobernos producen, especialmente en sectores medios da poboación, sentimentos de crítica e de rexeitamento, aos que poden sumarse outros sectores afectados por esa fabricación antidemocrática da opinión pública. Sen ese factor, pódese dicir que as dificultades terían a súa dimensión real, non serían transformadas en crises políticas, movidas pola influencia unilateral que os medios teñen sobre sectores da opinión publica, mesmo de orixe popular.

 Non é que sexa un tema de fácil solución, pero non considerar como un tema fundamental a enfrontar é subestimar o nivel en que a esquerda está en maior inferioridade: a loita das ideas. A esquerda logrou chegar ao goberno polo fracaso do modelo económico neoliberal, pero recibiu, entre outras herdanzas, a hexemonía dos valores neoliberais espallados na sociedade. “Cando finalmente a esquerda chegou ao goberno, perdera a batalla das ideas”, segundo Perry Anderson. Tendencias a visións pre-gramscianas na esquerda acentuaron formas de acción tecnocráticas, crendo que facer boas políticas para a xente era suficiente como para producir automaticamente conciencia correspondente ao apoio aos gobernos. Subestimouse o poder de acción dos medios de información na conciencia das persoas e os efectos políticos de desgaste dos gobernos que esa acción promove.

 Un outro factor condicionante, en principio a favor e logo en contra, foi o relativamente alto prezo das commodities durante algúns anos, do que os gobernos se aproveitaron non para promover unha reciclaxe nos modelos económicos, para que non dependesen tanto desas exportacións. Para esa reciclaxe sería necesario formular e empezar a poñer en práctica un modelo alternativo baseado na integración rexional. Perdeuse un período de gran homoxeneidade no Mercosur, sen que se avanzou nesa dirección. Cando os prezos baixaron, as nosas economías sufriron os efectos, sen ter como defenderse, por non ter promovido a reciclaxe cara a un modelo distinto.

 Había tamén que comprender que o período histórico actual está marcado por profundos retrocesos a escala mundial, que as alternativas de esquerda están nun posición defensiva, que do que se trata neste momento é de saír da hexemonía do modelo neoliberal, construír alternativas, apoiándose nas forzas da integración rexional, nos BRICS e nos sectores que dentro dos nosos países súmanse ao modelo de desenvolvemento económico con distribución de renda, con prioridade das políticas sociais.

 Nalgúns países non se coidou debidamente o equilibrio das contas públicas, o cal xerou niveis de inflación que neutralizaron, en parte, os efectos das políticas sociais, porque os efectos da inflación recaen sobre asalariados. Os axustes non deben ser transformados en obxectivos, mais si en instrumentos para garantir o equilibrio das contas públicas e iso é un elemento importante do éxito das políticas económicas e sociais.

 Aínda que os medios de información magnificasen os casos de corrupción, hai que recoñecer que non houbo control suficiente de parte dos gobernos do uso dos recursos públicos. O tema do coidado absoluto da esfera pública debe ser sagrado para os gobernos de esquerda, que deben ser os que descubran eventuais irregularidades e as castiguen, antes de que o fagan os medios de información. A ética na política ten que ser un patrimonio permanente da esquerda, a transparencia absoluta no manexo dos recursos públicos ten que ser unha regra de ouro de parte dos gobernos de esquerda. O non actuar sempre así fai que os gobernos paguen un prezo caro, que pode ser un factor determinante para poñer en risco a continuidade deses gobernos, con danos gravísimos para os dereitos da gran maioría da poboación e para o destino mesmo dos nosos países.

 Para rematar, por salientar algúns dos problemas deses gobernos, o rol dos partidos na súa condición de partidos de goberno nunca foi ben resolto en practicamente ningún deses países. Como os gobernos teñen unha dinámica propia, mesmo con alianzas sociais e políticas co centroesquerda, en varios casos, eses partidos deberían representar o proxecto histórico da esquerda, pero non lograron facelo, perdendo relevancia fronte ao rol preponderante dos gobernos. Debilítanse así a reflexión estratéxica, máis aló das conxunturas políticas, a formación de cadros, a propaganda das ideas da esquerda e a mesma loita ideolóxica.

 Nada diso autoriza a falar de “fin de ciclo”. As alternativas a eses gobernos están sempre á dereita e con proxectos de restauración conservadora, netamente de carácter neoliberal. Os gobernos posneoliberais e as forzas que os promoveron son os elementos máis avanzados que a esquerda latinoamericana dispón actualmente e que funcionan tamén como referencia para outras rexións de mundo, como o Estado español, Portugal e Grecia, entre outros.

 O que se vive é o final do primeiro período da construción de modelos alternativos ao neoliberalismo. Xa non se poderá contar co dinamismo do centro do capitalismo, nin con prezos altos das commodities. As claves do paso a un segundo período teñen que ser: profundación e extensión do mercado interno de consumo popular; proxecto de integración rexional; intensificación do intercambio cos BRICS e o seu Banco de Desenvolvemento.

 Ademais de superar os problemas apuntados anteriormente, antes que todo crear procesos democráticos de formación da opinión publica, dar a batalla das ideas, cuestión central na construción dunha nova hexemonía nas nosas sociedades e no conxunto da rexión.

 Hai que construír un proxecto estratéxico para a rexión, non só de superación do neoliberalismo e do poder do diñeiro sobre os seres humanos, senón de construción de sociedades xustas, solidarias, soberanas, libres, emancipadas de todas as formas de explotación, dominación, opresión e alienación.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Alainet’, do 22 de febreiro de 2016]

Volver