As delegadas da CIG chaman a levar a conflitividade á negociación dos plans de igualdade para transformalos en dereitos reais

O IX Encontro insta a rachar coa hipocrisía das celebracións institucionais no 8 de Marzo
Nacional - 15 Dec 2021

Arredor de 200 mulleres participaron esta mañá no IX Encontro nacional de delegadas da CIG, no que se continuou coa posta en común de coñecementos, experiencias e puntos de vista sobre a situación sociolaboral, política e sindical das galegas e se definiron as liñas de traballo de cara ao próximo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

Ao remate do encontro, celebrado no edificio Cersia, as delegadas saíron en  manifestación até o complexo administrativo de San Caetano para demandar que, dunha vez, se poñan en marcha políticas e medidas que permitan avanzarmos cara á igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos.

A secretaria confederal de Mulleres, Nicolasa Castro, denunciou que malia as folgas de mulleres e as históricas mobilizacións dos últimos 8 de Marzo, non só non se produciron avances significativos nos dereitos das mulleres, senón que as propias administracións están incumprimento reiteradamente a lexislación en materia de igualdade. Tal é o caso da Xunta de Galiza que, 14 anos despois da aprobación da Lei de Igualdade, aínda non conta cun Plan de Igualdade a pesar da súa obrigatoriedade.

Os plans de igualdade non son un mero trámite

Valora que este é un bo exemplo de como os poderes públicos e as patronais entenden os plans de igualdade: como un mero trámite sen impacto na regulación das relacións laborais. "Cando debe ser todo o contrario. A negociación dos plan de igualdade ten a mesma relevancia que a negociación dun convenio colectivo, por iso dende a CIG defendemos que se deben negociar de xeito simultáneo. Porque a ninguén se lle pasa pola cabeza que un convenio colectivo se poida liquidar cun par de reunións e cunha proposta unilateral da parte empresarial, que nin sequera respecta os mínimos establecidos na lexislación, tal e como están pretendendo facer moitas empresas", advirte.

Para Castro os procesos de negociación dos plans de igualdade son unha oportunidade para conseguirmos que dunha vez por todas deixe de haber diferenzas entre traballadoras e traballadores do mesmo centro ou empresa e para desenmascarar as diferenzas salariais entre un e outro xénero, camufladas habitualmente baixo a creación de complementos alleos aos salarios do convenio colectivo de aplicación.

"Só cunha boa diagnose e acordando as medidas precisas para corrixir cada unha das situacións poderemos alcanzar unha igualdade de trato e oportunidades reais entre homes e mulleres, eliminar a discriminación por razón de sexo e rachar cunha fenda salarial que na Galiza se sitúa no 22%", reitera. Con este obxectivo, chamou a abordar a negociación dos plans de igualdade coa mesma combatividade e conflitividade que se fai na defensa dun convenio colectivo.

Os coidados seguen sen estar valorizados

Abundando nesta cuestión, matiza que os plans de igualdade tampouco se poden converter no documento no que perpetuar que só as mulleres traballadoras precisan de permisos retribuídos para atender os coidados de crianzas e persoas dependentes.

Neste senso, lembrou que a loita pola valorización dos coidados ten centrado ás reivindicacións da CIG co gallo do 25 de novembro e do 8 de marzo e  incluso o pasado mes de maio, a central nacionalista rexistrou no Parlamento unha Proposición non de lei de iniciativa popular pola que se insta á creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, avalada por 15.199 sinaturas.

A día de hoxe a súa tramitación está parada, fronte ao que Castro reclamou axilidade no debate da proposta porque "os recursos e os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións dignas e estables para as persoas traballadoras".

Resposta nas rúas e nos centros de traballo

As consecuencias sociolaborais da actual crise e o seu impacto en cada un dos sectores de actividade foron analizadas polo miúdo durante este encontro de delegadas, no que se perfilou tamén a resposta a levar adiante nos vindeiros meses para mudar esta situación e a acción sindical ante as reformas lexislativas (pensións, laboral, da negociación colectiva etc.) que formula o goberno español "que por moita propaganda que nos vendan, todo apunta a que seguirán mantendo os recortes de dereitos e os aspectos máis lesivos das anteriores reformas, que tanto teñen precarizado as nosas condicións de traballo".

Por iso, no encontro as delegadas concluíron que "seguiremos loitando e dando a resposta que sexa necesaria nos centros de traballo, na negociación colectiva e nas rúas. Porque estamos fartas de celebracións hipócritas, de que se pretendan ritualizar datas significativas como o 8 de Marzo, baleirándoas de discurso crítico contra o capitalismo, contra o patriarcado e contra os gobernos, tanto da Xunta como do Estado. Uns gobernos  que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos, e pola contra, fan pagar a crise sanitaria maioritariamente ás mulleres".