As eleccións francesas: unha farsa sinistra

Samir Amin -

En Francia, a farsa electoral da “República en marcha” non responde a ningunha expectativa da ampla maioría dos cidadáns e dos traballadores. A agardada adhesión da dereita ao proxecto supostamente de “centro” non tardará en deixar ao descuberto o verdadeiro rostro de Macron: o dun home de dereitas ao servizo do capital financeiro e das políticas neoliberais

 A democracia electoral pluripartidista, xoia da modernidade democrática en Europa e en Estados Unidos, está gangrenada e iniciou o camiño da súa decadencia. A ditadura exercida polo capital dos monopolios financeiros aniquilou visibelmente o alcance e o sentido das eleccións. Esta é unha experiencia pola que Francia xa pasara hai uns anos: o pobo francés rexeitara por referendo a proposta de constitución europea; isto non preocupou en absoluto ao goberno nin ao parlamento, que a adoptaron ao día seguinte!

 A lección que tirou diso o pobo francés foi simplemente que o voto perdera o seu valor decisivo e que xa non pagaba a pena acudir ás urnas. As eleccións presidenciais de abril de 2017 e as dúas voltas das eleccións ao Parlamento do 11 e do 18 de xuño de 2017 así o testemuñan. A abstención achégase desde aquela ao 60% do corpo electoral! Algo nunca visto na historia da democracia occidental. Nestas condicións, aínda que Macron sexa elixido Presidente e dispoña dunha confortábel maioría absoluta no novo Parlamento, o voto positivo ao seu favor non supera o 16% dos cidadáns, recrutados en privado no seo das clases medias e dos empresarios, un medio social naturalmente “pro-capitalista”, socialmente reaccionario; non constitúe en absoluto “un maremoto” como o presentan os medios de comunicación dominantes. De se ter producido un caso análogo en Rusia, en Irán ou en calquera dos países do Sur, os medios de comunicación occidentais non deixarían de denunciar a farsa. Pero gárdanse moito de dicir o mesmo cando se trata dunha “democracia” occidental, neste caso de Francia.

 A farsa electoral é o resultado previsíbel do exercicio da ditadura continua e sen precedentes desde hai tres décadas dos monopolios financeiros, unha ditadura enmascarada baixo a aparencia enganosa das “esixencias obxectivas das leis do mercado”. Esta ditadura apropiouse do poder político directo, e a adhesión da socialdemocracia ao discurso e ás esixencias do neoliberalismo económico produciu de facto unha forma de poder de “partido único”, precisamente o que está ao servizo da pequena minoría dos “máis ricos”. Xa non hai ningunha diferenza na práctica dos gobernos da dereita clásica ou da esquerda electoral tradicionalmente maioritaria representada polos socialistas. Esta forma de partido único -o dos ‘neocons’ en Estados Unidos- regula actualmente a “vida política”, de feito a “vida despolitizada” no Occidente europeo e norteamericano.

 Non hai ningún motivo para se aledar desta farsa sinistra. Pois a perda de lexitimidade da “democracia electoral” non vai acompañada do avance dunha alternativa inventiva de formas novas e máis avanzadas dunha democracia real mellor. Isto vale tanto para Occidente como para os países do Sur: os pobos constatan a deriva, mais finalmente acaban aceptando as consecuencias, a saber, a “marcha atrás” a cen. Para Francia, como para os demais países do centro imperialista, as vantaxes que procura esta posición no sistema mundial á gran maioría dos pobos implicados están probabelmente na orixe da “adhesión” pasiva ao liberalismo dos mercados.

 Porén, o porvir segue aberto. En Francia, a farsa electoral da “República en marcha” non responde a ningunha expectativa da ampla maioría dos cidadáns e dos traballadores. A agardada adhesión da dereita ao proxecto supostamente de “centro” non tardará en deixar ao descuberto o verdadeiro rostro de Macron: o dun home de dereitas ao servizo do capital financeiro e das políticas neoliberais, e máis nada. Como contrapunto, as loitas sociais, reforzadas pola urxencia da forza política representada pola “Francia insubmisa”, están probabelmente chamadas a adquirir unha maior amplitude. O falso “maremoto macronista” do que presumen os medios de comunicación malia que non ten relación ningunha coa realidade dos feitos, corre o risco de ser de curta duración. Cómpre saber, así e todo, que a experiencia das tres últimas décadas demostrou que as loitas sociais por si mesmas non son suficientes para deter a deriva de dereitas e restablecer unha dinámica de avances sociais que implique a superación das estratexias defensivas e a cristalización dun proxecto alternativo positivo, autenticamente social e democrático. Un proxecto desta natureza terá que se saber inscribir, pola forza das cousas, nunha perspectiva máis ampla e máis longa, cuestionando de novo a orde mundial imperialista e o subsistema europeo atlantista que o sostén. As condicións de urxencia das visións desta amplitude e das estratexias de acción que avanzan nesta mesma dirección, terán que ser lembdradas e constituír o núcleo dos programas de debate da esquerda radical, tanto en Francia como no resto de Europa e en todo o mundo.

 

[Artigo tirado do sitio web El Viejo Topo, do 24 de xuño de 2017]

 

Volver