As homenaxes a Moncho Reboiras en Dodro pechan os actos do 50 aniversario cunha reivindicación da súa memoria e do seu legado

O Concello entregoulle á súa familia o título de fillo predilecto e en Lugo a CIG fixo unha ofrenda floral ao pé do busto onde o Vello Cárcere
Nacional - 12 Ago 2026

O cemiterio de Imo, en Dodro, acolleu este 12 de agosto a tradicional ofrenda floral en memoria de Xosé Ramón “Moncho” Reboiras, no aniversario do seu asasinato pola policía franquista. O acto serviu tamén para dar por rematada a campaña iniciada en 2025 con motivo do 50 aniversario, aínda que quedan pendentes diversas actividades xa acordadas con diferentes concellos que se desenvolverán nos vindeiros meses.

Suso Seixo foi o encargado de intervir, en representación da Comisión Organizadora dos actos do 50 aniversario, na ofrenda floral. Un acto no que agradeceu a presenza de todas as persoas asistentes e expresou un recoñecemento especial ao Concello de Dodro pola declaración de Moncho Reboiras como fillo predilecto. Como tamén agradeceu o apoio das forzas políticas que participaron na organización do acto, entre elas a UPG, o BNG, o Movemento Arredista e os Comunistas Revolucionarios Galegos.

Seixo fixo balance do traballo desenvolvido ao longo deste ano e medio de actividades conmemorativas, que incluíu diversas publicacións, exposicións, presentacións do libro do 50 aniversario, murais e a inauguración de diferentes monólitos en memoria de Reboiras, entre eles os de Arzúa, Compostela, Fene e Lugo.

Intento de manipular e denigrar a figura de Reboiras

Para o presidente da Fundación Moncho Reboiras, este período estivo marcado tamén pola resposta do Partido Popular, que tentou “manipular e denigrar” a figura de Reboiras e cuestionar as razóns polas que foi asasinado polo Goberno franquista.

Seixo denunciou que, con esta actitude, o PP “insulta e denigra as vítimas da ditadura franquista” e pretende contribuír a branquear a imaxe do réxime e dos seus integrantes. Neste sentido, referiuse expresamente a figuras como Martín Villa ou Fraga Iribarne, ás que vinculou coa ditadura e que, segundo lembrou, nunca foron xulgadas nin condenadas pola súa responsabilidade e complicidade en numerosos crimes.

Por iso advertiu ao PP “que non nos imos acovardar nin deixar de solidarizar e homenaxear a todas as vítimas da barbarie da ditadura franquista” e asegurou que, con campaña en contra ou sen ela, o traballo continuará para manter viva a memoria das vítimas do franquismo e para reivindicar os obxectivos políticos polos que Reboiras loitou e deu a súa vida.

O representante da Comisión Organizadora concluíu afirmando que “imos seguir a defender a democracia, a denunciar e combater o fascismo e a traballar porque algún día se fagan realidade os nosos obxectivos políticos, polos que Moncho loitou e deu a súa vida”.

Con este acto no cemiterio de Imo, onde desde 1976 o nacionalismo galego mantén viva a lembranza de Reboiras, pechouse a campaña especial do 50 aniversario do seu asasinato, que ao longo dos últimos meses levou a súa memoria a diferentes puntos da Galiza e deu lugar a numerosas iniciativas para reivindicar a súa figura, o seu compromiso político e sindical e a vixencia do seu legado.

Ofrenda floral da CIG en Lugo

A CIG tamén reivindicou hoxe a figura e o legado de Moncho Reboiras cun pequeno acto de homenaxe ao pé do busto colocado na contorna do Vello Cárcere de Lugo, onde se depositou unha ofrenda floral. Esta é precisamente un das esculturas que o PP pide retirar da vía pública, no marco da ofensiva iniciada contra a significación da figura de Reboiras.