As medidas do Goberno español para a xubilación parcial e a industria electrointensiva son inxustas e demasiado lentas

A CIG demanda a derrogación da reforma das pensións e que os Orzamentos Xerais do Estado inclúan rebaixas nos custes eléctricos

Nacional -

A CIG considera inxustas, insuficientes e tardías as medidas aprobadas no Consello de Ministros/as do pasado venres sobre a xubilación parcial e a industria electrointensiva. A central denuncia que coas disposicións recollidas no Real Decreto non se garante o acceso á xubilación aos 61 anos ao conxunto da clase traballadora, nin o mantemento dos postos de traballo nas empresas con altos consumos enerxéticos, polo que insta ao Goberno español a facer as modificacións necesarias.

No relativo á xubilación parcial aos 61 anos con contrato relevo, a CIG advirte do carácter discriminatorio e inxusto da medida, xa que non inclúe a todos os traballadores e traballadoras e ademais de manter as condicións previas, introduce novas restricións ás empresas e ao seu persoal. "O Goberno español elimina na práctica este dereito para o conxunto da clase traballadora privando deste a moitos traballadores/as que padecen  unhas condicións laborais precarias e moi penosas (construción, servizos, etc.)", apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lembra que hai unhas semanas a central sindical remitiu ao Ministerio de Traballo centos de manifestos de comités de empresas esixindo a derrogación da reforma das pensións de 2011 e manter este dereito para todos os asalariados e asalariadas.

Elimínase na práctica a xubilación parcial para o conxunto da clase obreira, privando deste dereito a moitas traballadoras e traballadores que padecen unhas condicións laborais precarias e moi penosas"

Engade que haberá que cuantificar tamén o alcance real do Decreto na propia industria, tendo en conta que, nestes momentos, un de cada tres traballadores/as nos cadros de persoal son man de obra indirecta (que realiza labores administrativas e técnicas), a cal non se vería afectada por esta medida. Ao tempo, parte importante das actividades das empresas principais sufriron un proceso de  externalización, a consecuencia do que agora o persoal que realiza estas tarefas pertence a empresas multiservizos, ETTs, etc., "polo que tamén quedan fóra do acceso á xubilación parcial con contrato relevo".

Hai que derrogar as reformas das pensións

Fronte a esta medida discriminatoria, CIG volve reclamarlle ao Goberno español a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos nas condicións que existían previamente. A CIG avaliará as medidas legais e sindicais a tomar ante esta grave inxustiza.

O secretario xeral da CIG destaca  que Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal, como medida real de creación de postos de traballo para rematar co desemprego e o drama da emigración. Mais tamén, continúa Carril, "é preciso aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecer traballo digno aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para que favorecer unhas condicións e uns salarios xustos. Só así faremos máis forte o noso sistema público de pensións".

Os Orzamentos Xerais deben contemplar medidas para a industria electrointensiva

No relativo á creación dun estatuto de empresas electrointensivas, a CIG considera que é un paso adiante para recoñecer as características específicas deste tipo de industrias con altos consumos de enerxía, mais "as propostas contidas no RD son  insuficientes e moi lentas". Os seis meses de prazo que marca o decreto "supoñen un prazo demasiado longo, especialmente no caso de Alcoa, se temos en conta os tempos de negociación dos EREs e a falta de vontade da multinacional para paralizar os expedientes".

Para o secretario xeral da CIG, o Executivo español debe presentar propostas con prazos e partidas concretas, e a efectivizar de inmediato a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, toda vez que o PSOE vén de anunciar a presentación do proxecto de contas en xaneiro próximo. Para a central sindical as medidas urxentes que o Goberno podería aplicar nestas contas para favorecer unha tarifa industrial estábel e predicíbel (e con garantías de mantemento dos empregos máis alá dos tres anos establecidos no RD), pasarían por:

- Modificación do sistema de tarifas eléctricas para as industrias electrointensivas, liberándoas de pagar as peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico. Este custe deberá ser asumido polos Orzamentos do Estado.

- Tamén con cargo aos Orzamentos do Estado, as industrias electrointensivas terán a máxima compensación permitida pola UE, por C02, por competir con industrias semellantes instaladas neutros lugares do mundo onde non se limitan as emisións de dióxido de carbono.

- Para producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade, sen que repercuta no funcionamento do sector eléctrico, haberá que retirar do mercado maiorista (pool), as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

- Para compensar esta rebaixa e o esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas industrias aos orzamentos, as CIG defende que as empresas electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo. Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual.

- Até entrada en vigor desa nova tarifa, manteranse, pero só con carácter transitorio, para as industrias electrointensivas as poxas anuais da interrompibilidade, mantendo a media dos importes dos últimos anos, cos mesmos bloques e recuperando o preaviso de parada de 2 horas.

Esta proposta xa foi trasladada pola CIG ao Goberno español, galego e á patronal estatal das empresas electrointensivas o pasado mes de outubro.

Volver