As mobilizacións por un convenio de Carpintería que garanta salarios e gañe dereitos trasládanse a Ordes

Traballadores/as do sector concentráronse diante da empresa Ramón García
Ordes - 25 Mai 2022

Traballadores e traballadoras do sector da Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo e o mantemento do poder adquisitivo dos salarios. Desta volta, a protesta trasladouse até as portas a empresa Ramón García, no polígono industrial de Ordes.

Dáse continuidade así ás mobilizacións que CIG, UGT e CCOO iniciaron o pasado 26 de abril na sede de Inditex en Arteixo -xa que moitas das empresas reguladas por este convenio son contratas e subcontratas da multinacional, que é o seu principal cliente-; e que proseguiron o 11 de maio cunha concentración nas instalacións que Malasa ten en Cerceda. Ademais, para o 8 de xuño está convocada concentración diante de Cándido Hermida en Narón, e o 22 de xuño en Cociñas Santos, no concello de Boqueixón.

Porén, explica Mario Maceiras, secretario de Negociación Colectiva da Federación de Construción e Madeira da CIG, ante o estancamento das negociacións, xa que a patronal non está a facer ningún tipo de achegamento, as centrais sindicais xa están avaliando os accións a adoptar tras o remate do actual calendario de mobilizacións.

Neste senso, Maceiras apunta á disposición da parte social a negociar, mais advirte que garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e a creación do plus de quendas "son dúas demandas irrenunciábeis".

Dous anos cos salarios e as condicións conxeladas

Hai que lembrar que o convenio de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña está caducado desde o ano 2019 e os traballadores e traballadoras teñen dende entón os salarios e as condicións laborais conxeladas. Porén, en plena alza inflacionista, a patronal pretende rebaixar o poder adquisitivo ao negarse a manter a cláusula de revisión salarial que está recollida no convenio dende 2014.

Así, na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020; do 3,1% para o ano 2021, pero só pagaría atrasos até o 1,5%. Para 2022 ofrece o 3%, cunha revisión salarial se o IPC supera o 3%, de como máximo un 1% máis e sen atrasos. E para os anos 2023 e 2024 o 1,5% con revisión salarial se o IPC supera esa porcentaxe, pero cun tope do 1,5% máis, e tamén sen atrasos.

Pero esta proposta provocaría un empobrecemento das traballadoras e dos traballadores, pois ao non subir o IPC real cada ano, "só en 2021 o persoal perdería xa o 5% e no resto dos anos, ao topar a revisión salarial sen xerar atrasos, impediríase a recuperación do poder adquisitivo perdido".

A isto engádese a negativa das empresas a aceptar a creación dun plus de quendas de 150 euros mensuais, "que non ten xustificación porque a carga de traballo é tal que as compañías non dan atendido os pedidos".

Diante disto, CIG, UGT e CCOO xa avanzaron que non asinarán o convenio se non se garante o poder adquisitivo dos salarios dos aproximadamente 5.300 traballadores e traballadoras atinxidos por este convenio -que representan o 60% de todo o persoal do sector en Galiza-; se establece un plus de quendas, como existe xa noutros convenios; e se regulan as condicións do persoal que ten que desprazarse a montar as tendas de Inditex en diferentes lugares do mundo.