As mulleres da CIG berran contra a carestía da vida e o recorte de dereitos que agravan a desigualdade e a violencia

O XVI Encontro Nacional celebrado en Ourense puxo o foco na precariedade e no retroceso das políticas públicas de igualdade
Nacional - 25 Nov 2026

A CIG celebrou hoxe en Ourense o XVI Encontro Nacional de Mulleres coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a cuxo remate tivo lugar unha manifestación polas rúas da cidade para denunciar que a carestía da vida e o recorte de dereitos están a agravar as desigualdades e a violencia contra as mulleres. A través da campaña de conmemoración do 25 de Novembro, que se desenvolveu baixo o lema ‘Encarécennos a vida, recórtannos os dereitos’, a central quixo visibilizar a relación directa entre o empobrecemento das mulleres, a precariedade, a insuficiencia dos servizos públicos e a dificultade para acadar unha vida libre de violencia machista.

O Encontro comezou cunha lembranza ás mulleres vítimas da violencia machista, nomeadamente a María Belén Fernández, asasinada pola súa exparella en Mos o pasado 1 de febreiro, e ás irmás Mirabal, cuxo asasinato, o 25 de novembro de 1960, deu orixe á conmemoración internacional do 25 de Novembro. A CIG lembrou tamén a dimensión da violencia contra as mulleres en Galiza, cun elevado número de denuncias e de vítimas con seguimento policial e medidas de protección.

Fíxose fincapé en que a violencia machista non pode entenderse de maneira illada, senón que está estreitamente relacionada coas condicións materiais de vida das mulleres. A suba dos prezos da vivenda, da alimentación, da electricidade e do transporte ten un impacto especialmente grave sobre as mulleres, que continúan percibindo salarios inferiores aos dos homes, concentrándose nos tramos salariais máis baixos e soportando maiores taxas de parcialidade e precariedade.

Segundo datos da análise do Gabinete Técnico Confederal da CIG, elaborada a partir das cifras da Axencia Tributaria de 2025, o salario medio anual estimado das mulleres galegas foi de 30.139 euros, fronte aos 32.323 euros dos homes, unha diferenza de 2.184 euros anuais. Ademais, 6 de cada 10 persoas asalariadas no tramo de ingresos máis baixos eran mulleres.

Esta desigualdade económica limita a autonomía das mulleres e dificulta que poidan construír un proxecto de vida independente ou abandonar situacións de violencia. Por iso, a CIG defende que as políticas salariais, de emprego, vivenda, conciliación, igualdade e protección social son tamén políticas fundamentais de prevención da violencia machista.

A precariedade de quen sostén a vida

O Encontro dedicou unha parte importante á situación das traballadoras dos sectores esenciais e feminizados, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), as residencias, as escolas infantís, a limpeza, o comercio, a sanidade, o ensino, a xustiza e os servizos sociais. Tamén se denunciou que, malia seren actividades imprescindíbeis para o funcionamento da sociedade, os traballos de coidados continúan infravalorados e precarizados, recaendo maioritariamente sobre as mulleres.

E criticouse o modelo do Goberno galego, que debilita os servizos públicos, privatiza a atención e traslada ás familias, e especialmente ás mulleres, responsabilidades que deberan estar garantidas mediante recursos públicos suficientes. De feito, o incremento das prestacións económicas para coidados no contorno familiar previsto nos orzamentos da Xunta para 2027, que medran un 54,9 %, pasando de 179,2 a 277,6 millóns de euros, reforza un modelo que mantén as mulleres como principais responsábeis dos coidados, en lugar de desenvolver unha rede pública universal e suficiente de atención á dependencia.

Durante o Encontro tamén se abordou a violencia institucional e a crecente ofensiva misóxina nas redes sociais e nos espazos públicos, como os ataques recibidos polas participantes na mobilización do pasado 25 de Novembro diante da sede PP. Esta violencia económica e institucional agrávase cando as mulleres sofren outras formas de discriminación ou situacións de especial vulnerabilidade, como acontece coas mulleres migrantes, con diversidade funcional, dependentes, enfermas, maiores, mozas e menores.

A xornada pechouse lembrando unha reflexión de Simone de Beauvoir: «Non esquezades nunca que abondará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan a ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida».

E facendo un chamamento á participación nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego en máis de vinte localidades, baixo o lema ‘Vidas libres de violencia machista’.

Mobilización diante da delegación da Xunta

Tras o Encontro, as participantes desenvolveron unha manifestación desde o local sindical ata o edificio da Xunta de Galiza en Ourense, onde realizaron unha acción simbólica denominada ‘O carro da precariedade’. A través dun carro da compra no que se foron introducindo diferentes elementos representativos do encarecemento da vida -vivenda, electricidade, transporte e produtos básicos- representouse como a suba dos prezos, os baixos salarios e a precariedade van acumulando custos sobre as mulleres. A acción rematou cunha gran factura simbólica na que figuraba o total que teñen que pagar: os seus dereitos e a súa autonomía.

A mobilización serviu tamén para denunciar a responsabilidade do Goberno galego na insuficiencia dos servizos públicos, na privatización dos coidados e na falta de recursos destinados á protección das mulleres. E para reafirmar o compromiso da central sindical coa organización e a mobilización das mulleres, “porque a loita contra a violencia machista tamén pasa pola defensa dos salarios, do emprego digno, dos servizos públicos e da autonomía económica”, tal e como sinalou a responsábel da Secretaría das Mulleres da CIG, Marga Corral.

Corral exemplificou a falta de protección que padecen as mulleres relatando o que acontece nun IES Ourense, “no que é vox populi que hai dous traballadores que abusan dende hai anos de alumnas, mais en lugar de adoptar medidas inmediatas para cesar os abusos, obstaculizan e burocratizan unha situación de violencia que debera ter unha resposta inmediata”.

E quixo deixar moi claro que “nós non imos calar” ante estes ataques aos dereitos das mulleres e “non imos consentir máis abusos, máis violencia, máis desigualdade”, porque -tal e como lembrou- “as mulleres somos máis do 50% da poboación e estamos organizadas e imos combater con toda a nosa forza a quen pretenda facernos retroceder”.