As mulleres galegas toman as rúas para manifestar a súa repulsa polo brutal feminicidio de Valga

Celebráronse concentracións e mesmo manifestacións en decenas de cidades e vilas de Galiza
Nacional - 18 Set 2019

As mulleres galegas tomaron novamente as rúas e prazas de Galiza nas decenas de concentracións e manifestacións convocadas ao longo e ancho da xeografía do país para manifestar o seu máis enérxico rexeitamento á violencia machista, tras do brutal asasinato, en Valga, de Sandra, María Elena e Alba diante das crianzas de 4 e 7 anos de Sandra. O asasino, José Luis Abet Lafuente, o seu ex-marido, disparoulle ás tres para logo entregarse á Garda Civil. Un episodio de violencia machista que conmocionou á nosa nación.

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se rexeitou a violencia e se reclamaron medidas reais e efectivas na súa prevención e combate.

Para iso, nas cidades e vilas fíxose un chamamento a construír, desde o local ao nacional, un feminismo forte que procure “avances reais e medidas transformadores e non fique apenas en celebracións rotineiras ou meras medidas simbólicas” e subliñouse que “a axenda non pode tomar descanso no verán e volver co ritmo da pugna polo poder nas institucións ou para servir de apoio a medidas que non se constatan como útiles ou que non se comprometen a revisar o que falla e pór recursos ao servizo desta causa”.

Dúas das asasinadas non serán computadas como vítimas da violencia machista

Denunciouse ademais que dúas das asasinadas neste crime machista, María Elena e Alba, non aparecerán para o Estado como vítimas de violencia machista, pois “pese a que este ten subscrito o convenio de Estambul e colocado a vontade de trasladar o mesmo á lexislación no Pacto de Estado, nada diso foi efectivizado até hoxe. Segue no papel”.

Recoñeceuse que porén, a lexislación na Galiza, si considera estes crimes como crimes machistas, o que nos sitúa en posicións avanzadas “para reclamar dende a nosa acción melloras ao que xa temos cunha axenda propia que tensione as nosas institucións e dote de recursos as ferramentas das que xa dispomos”.

Nas mobilizacións advertiuse ademais de que “o tempo de pedir xestos rematou” e afirmouse que “é momento de conquistar realidades”. Por iso denunciouse que “o tan reclamado Pacto de Estado asignaba este ano ao Concello de Valga 1.766,48€ para a realización de reforzo dos servizos municipais, prevención, sensibilización, atención ás vítimas...”

Unha cantidade que consideraron “de miseria” e que, denunciaron, “amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista”. De aí que se rexeitaran as fotos e promesas, as accións cara á galería, os minutos de silencio, as condenas enérxicas e as iluminacións.

Fronte a isto exixiron “medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista. Tres mulleres asasinadas, e a normalidade continúa tras colgar a pancarta ou realizar a declaración institucional de turno, mentres as aulas se baleiran de contidos de xénero e de metodoloxías pedagóxicas transformadoras, mentres a sanidade se recorta e a detección da violencia na mesma se imposibilita, mentres os puntos de encontro familiar se enchen de maltratadores visitan ás crianzas, os xulgados se ateigan de mulleres que deciden non facer efectiva a denuncia, se chegan a facela, as sentenzas deitan unha e outra vez custodias compartidas con agresores, as comisarías se baleiran de efectivos para vixiar as ordes de afastamento, os medios procuran o morbo nos feminicidios, as vítimas seguen cuestionadas, o machismo continúa ocupando o espazo público e se blanquea aos reaccionarios que combaten os avances do feminismo”.

Fartas de que se use o feminismo “para dar cor a acción política”

Xunto a isto denunciaron que se use o feminismo para dar cor á acción política sen que iso redunde en melloras ou avances reais e a “hipocresía” da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia.

Lembraron que “sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia” e chamaron a cuestionar “os cimentos mesmos da nosa educación para construírnos como suxeitos nunha sociedade na que a vida, das mulleres e de todas, debe estar no centro”.

O manifesto concluíu coa proclama de que “estamos fartas de que non se ille aos agresores nos nosos contornos máis próximos, onde nace e se perpetúa a violencia. De que se reproduza a educación machista e a discriminación que marca a lume o noso rol social a través das familias” e coa denuncia de que “todas aquelas persoas que negan a violencia machista, ou ben que a xustifican negando que o único motivo dos asasinatos é o patriarcado, é cómplice de cada asasinato”.

De aí que lembraran que “estamos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade, pero para esixir cambios reais. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir como algo cotián os asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 1000 no estado español”.

Ante isto exixiron “que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada”.