As mulleres seguen vendo vulnerado o seu dereito á intimidade nas IT especiais malia Protección de Datos afirmar que está resolto

A CIG anuncia a presentación dunha demanda pola vía contencioso-administrativa contra o arquivo da denuncia presentada na Axencia de Protección de Datos
Nacional - 29 Set 2025

A CIG prepara unha demanda pola vía contencioso-administrativa contra a Axencia Española de Protección de Datos por arquivar a denuncia, presentada en 2023 pola central sindical pola vulneración de datos sensíbeis das mulleres en situación de IT especial (menstruación incapacitante; interrupción do embarazo e xestación a término), contra o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Segundo explica a Secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, a resolución o que di é que no tempo que pasou desde que a CIG puxo a denuncia, en decembro de 2023, até que saíu esa resolución, en xullo de 2025, o Ministerio modificou unha serie de parámetros de codificacións que supostamente deron solución á cuestión, mais, “na realidade o que fixeron foi disimular esa exposición de datos, pero o problema continúa igual, como acredita o feito de que xusto esta semana coñeceramos un novo caso dunha muller que viu a súa situación de interrupción do embarazo en coñecemento da súa empresa”.

Fronte a isto, Méndez entende que a Axencia de Protección de Datos “non debería arquivar esta denuncia, senón que debería primeiro sancionar a Administración por ter exposto os datos das moitas mulleres nestas situacións e despois tería que instar ao Ministerio de Seguridade Social a que modifique a lei Xeral da Seguridade Social, que é a que, tras a modificación introducida en 2023, propicia que eses datos se expoñan”.

Novos casos

Neste sentido sinala que é imprescindíbel mudar esa lexislación para que non se poida vulnerar o dereito á intimidade coa exposición de datos de saúde das mulleres. “Constátase que esa maquillaxe ou esa modificación que fixeron nos códigos non elimina o problema, porque a data de setembro de 2025 vimos de coñecer un novo caso dunha traballadora que viu expostos os seus datos xa directamente na súa nómina, na que a empresa fai constar, con todas as letras e así, literalmente, interrupción de embarazo o cal é gravísimo e lle ten causado un grave prexuízo psicolóxico”, apunta Susana Méndez.

Esta fora precisamente a causa que levara á CIG a presentar a denuncia en 2023, cando unha afiliada do sindicato acudira a informarse, para saber como era posible que a súa empresa soubera que ela acababa de pasar por unha interrupción do embarazo. “Logo de indagar, foi cando descubrimos que efectivamente a lei, coa modificación que se introducira na Lei Xeral da Seguridade Social a través dos cambios da lei do aborto, pasaba a contemplar unha serie de novas ITs especiais, o cal é un dereito positivo para as mulleres, pero na maneira en que se fixo, cunha codificación específica, provocou que as empresas identificaran as causas desas baixas e, xa que logo, que accederan a datos protexidos sobre a saúde das mulleres”.

A lexislación establece que a menstruación incapacitante, a interrupción do embarazo e a xestación a término teñen como beneficio un pago diferente das ITs por enfermidade de común. “As ITs por enfermidade común páganse desde o terceiro día e estas non, estas páganse cada unha de xeito diferente, pero desde o primeiro día nun caso e do segundo, noutro”. Isto é o que leva a que nas empresas coñezan os datos de diagnóstico, porque cada un deles ten unha codificación distinta para proceder ao pagamento.

O que preocupa a Méndez é, ademais de “que se garanta o dereito á intimidade das traballadoras”, que se evite que esa información “chegue a certo empresariado, dado o machismo campante”, porque “pode supor un problema para as mulleres que o seu empregador saiba que padece menstruacións incapacitantes ou que está buscando un embarazo, polas posibles consecuencias, canto a conservar o emprego ou á posibilidade de ser vítima de discriminación laboral”.