As adxudicatarias do transporte escolar aínda non subrogaron o persoal a piques de reiniciarse o curso

A CIG pide o rescate dos contratos que incumpran o requisito legal de asumir condutores e acompañantes

Nacional -

A CIG denuncia que as novas empresas adxudicatarias do servizo de transporte escolar da Xunta aínda non subrogaron o persoal a escasos días do reinicio do curso, polo que boa parte dos traballadores/as non sabe se ten que presentarse no seu posto este luns día 10. Dende a FGAMT reclámanlle á Administración que resolva de inmediato esta problemática e rescate os contratos cuxas beneficiarias non cumpran o requisito legal de facerse cargo tanto dos condutores/as como das acompañantes.

Segundo explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, o pasado 21 de decembro rematou o anterior servizo de transporte escolar e o día 22 tiña que comezar o 80% dos novos contratos -monopolizados na súa inmensa maioría por Monbus-, pero a Consellaría de Educación remitiulles escritos ás empresas sinalando que sería o propio 10 de xaneiro, coincidindo co reinicio do curso escolar. En consecuencia, as compañías deron de baixa a condutores/as e acompañantes o día 22, pero as novas adxudicatarias non os deron de alta porque nas instrucións da Xunta figuraba o día 10. 

A gran maioría dos traballadores/as aínda non saben se van comezar este luns porque non os deron de alta, nin os subrogaron nin se puxeron en contacto con eles/as

Deste xeito, o persoal quedaría na rúa até o día 10, polo que dende a CIG contactaron con Educación para que rectificase os contratos asinados, que foron corrixidos de xeito que agora figura que se inician ao día seguinte de rematar os anteriores, isto é o día 22. “Pero na práctica a gran maioría dos traballadores/as aínda non saben se van comezar este luns porque non os deron de alta, nin os subrogaron nin se puxeron en contacto con eles/as”, censura Pastoriza. E isto está a acontecer porque a Xunta non resolveu o problema a pesar de que a CIG así llo fixo saber.

Ademais, o responsábel sindical amosa a súa preocupación pola “peor situación” na que queda o colectivo de acompañantes como consecuencia desta falta de dilixencia da Administración, tendo en conta de que a escaseza de condutores/as existente na actualidade fai prever que finalmente todos/as serán chamados/as a traballar. “Pero as acompañantes non están a ser subrogadas e temémonos que moitas/os poden quedar na rúa, algo inaceptábel nun colectivo precarizado integrado na súa maioría por mulleres con contratos temporais e a tempo parcial; senón as chaman reclamarán no xulgado, pero mentres quedarán sen ingresos”.

Diante disto Pastoriza anuncia que a central sindical solicitaralle á Consellaría que rescate os contratos que non cumpran o requisito legal de subrogar a todo o persoal, tanto condutores/as como acompañantes, ao tempo que critica a “irresponsabilidade” coa que está a actuar a Xunta “porque ten que facer cumprir a lei para evitar que os traballadores/as sexan unha vez máis os prexudicados/as, tendo en conta que non teñen dereito a paro porque non foron despedidos/as, senón que se lles deu de baixa á espera da subrogación”.

Subrogación ao 65% da xornada no Salnés

Nalgunhas zonas do país, como no caso da comarca do Salnés, a nova empresa adxudicataria -UTE Salnés- estalle a remitir escritos ao persoal comunicándolle que o subroga, pero unicamente ao 65% da súa xornada. “Isto é algo ilegal, xa que está obrigada a subrogalo ao 100%”.

A Xunta tamén é coñecedora desta situación, porque así llo trasladou a CIG, “pero tampouco fai nada ao respecto, polo que demandaremos tamén o rescate do contrato 47 por incumprimento da obrigación de subrogar os traballadores/as nas mesmas condicións que tiñan até que a anterior empresa, Monbus, procedeu a dalos/as de baixa en decembro”.

Volver