As oposicións docentes deixan preto do 11% das prazas desertas

A cifra de prazas desertas de promoción interna segue sendo superior ao 80%
Nacional - 04 Ago 2021

Rematados os procesos selectivos dos diferentes corpos docentes a CIG-Ensino fai público o resumo dunha análise realizada polo sindicato sobre o resultado das oposicións no que, sen contar as prazas de promoción interna, nas que o habitual é que apenas se cubran, este ano volveu quedar sen adxudicar unha cifra elevada de prazas. En total 247 das 2.286 que se ofertaban, o que en porcentaxes se traduce nun 10,8%. A cifra de prazas desertas na promoción interna seguen sendo superior ao 80%.

No cadro que se anexa compróbase como, en termos xerais, a cifra de persoas aprobadas sen praza é moi baixa (796 ou algo máis da terceira parte), con respecto ás que se ofertaban, o que evidencia a carencia dun sistema que debería ser de concurso oposición mais non o é.

Por corpos hai unha diferenza abismal, sendo o de Artes Plásticas e Deseño e o de Mestras onde se concentra o maior número de persoas que aprobaron sen praza, e polo tanto, o menor número de prazas desertas.

Tamén no corpo de Secundaria e no de Conservatorios a porcentaxe total de prazas desertas non é moi destacábel, aínda que cabe indicar que no primeiro, agás na especialidade de Matemáticas, o resto de especialidades nas que ocorre este fenómeno son das que se imparten na Formación Profesional.

O 67% das prazas que quedan desertas son de Profesorado Técnico de FP

Precisamente o dato máis rechamante vén sendo que o 67% do total das prazas que quedan desertas, 166 de 247, corresponden ao corpo de Profesorado Técnico de Formación Profesional que precisamente viu como se incrementaban as prazas ofertadas cunha nova convocatoria que se sumou á de 2020 como solución  da Consellaría á situación creada pola LOMLOE coa integración dunha parte do profesorado técnico no corpo de PES.

Á vista dos resultados pódese concluír que a solución da Consellaría non deu os froitos que segundo os seus responsábeis buscaba, que era a de darlle estabilidade a un colectivo que levaba moitos anos sen poder acceder a unha praza fixa pola ausencia de convocatorias de oposicións.

Desde a CIG-Ensino consideramos urxente unha reflexión sobre que hai detrás desta disparidade de datos con respecto á diferenza entre o número de prazas desertas entre os distintos corpos e como se pode evitar de cara a futuras convocatorias unha situación que nalgúns casos se torna denigrante para moitos compañeiros e compañeiras que levan desempeñando favorabelmente o seu posto de traballo durante máis dunha década e que, porén, non puideron superar o proceso selectivo e, mesmo nalgúns casos, suspenderon a segunda parte da oposición, que é a que ten unha maior relación coa aptitude pedagóxica.

Sen entrar a analizar as causas que pode haber detrás, e que merecen unha reflexión en profundidade, non semella moi coherente que persoas que teñen as súas programacións visadas ano tras ano polas inspeccións educativas non superen despois esta fase do procedemento.

A maquillaxe das cifras de prazas ofertadas novamente desvelada

Así, o sindicato sempre fai as súas valoracións sobre as ofertas de emprego segregando as cifras de auténtica oposición para ingresar na docencia pública das que por norma, deben reservarse para promoción interna. Neste caso, a cifra de prazas desertas levan anos superando o 80% de prazas que quedan desertar, maioritariamente pola ausencia de persoas aspirantes, concentrándose en moi poucas especialidades as persoas aspirantes.

Nesta convocatoria as cifras foron de  novo similares a procesos anteriores, con menos do 20% de prazas cubertas.