As organizacións sindicais acordan mudar a folga xeral en Ferrolterra para o 10 de marzo

Coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega

Ferrol -

Os secretarios comarcais de CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para informar de decisión de trasladar a convocatoria da folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 10 de marzo, Día da Clase Obreira galega, a causa da situación sanitaria e das limitacións na mobilidade. Para ese día está prevista tamén unha manifestación que sairá ás 12 horas dende a rotonda do Alcampo (na Avda. da Gándara) e discorrerá pola estrada de Castela até a Porta Nova.

Manuel Anxo Grandal, secretario da CIG de Ferrol, subliñou que esta non foi unha decisión doada, tendo en conta a crítica situación sociolaboral e económica da comarca "que precisa de medidas e actuacións urxentes por parte dos gobernos". Por iso, lanzou un chamamento  a toda a cidadanía "para lograr que tanto a folga como a mobilización sexan un éxito de participación". 

Grandal puxo como exemplo da crise da comarca o peche de Gamesa, o desmantelamento da central das Pontes no marco dun proceso de transición enerxética que non é xusto, a falta de carga de traballo en Navantia, o ERE de Galicia Téxtil, a destrución produtiva da ría, o abandono do sector agrogandeiro, ou os peches no sector servizos, acelerados pola pandemia, pero que xa se viñan arrastrando de antes.

Ferramenta fundamental de loita

Neste senso, subliñou que a folga é a ferramenta de loita que ten a clase traballadora, polo que animou a saír á rúa este 10 de marzo "data de conmemoración do asasinato de Amador e Daniel en 1972 no marco dunha loita obreira pedindo xustiza social", e neste 2021 "iso é o que temos que reclamar tamén nós, xustiza social". "Xogámonos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo", afirmou Grandal.

Denunciou que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal esmorecen por inanición e son as administracións española e galega ás que teñen que aplicar medidas concretas e urxentes para reverter o peche de industrias, a destrución de emprego, o incremento da exclusión social, a perda de poboación, o deterioro dos servizos públicos ou o déficit histórico de infraestruturas na comarca. "Xa non valen máis mesas, nin máis estudos, nin máis milongas, a Xunta e o Goberno español teñen que tomar decisións políticas de inmediato e facer os investimentos necesarios", aseverou.

Grandal reiterou o chamado á participación masiva na folga e mobilización do 10 de marzo para, precisamente, presionar e obrigar as administracións a actuar "porque as medidas que se necesitan dependen da vontade política. Porque nos xogamos existir ou non existir".

Volver