As organizacións sindicais convocan manifestación o 22 de xuño en demanda de “futuro para A Mariña”

A marcha sairá ás 20 horas do hospital de Burela

Burela -

Esta mañá, representantes sindicais de CIG, CCOO e UGT comparecían en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha manifestación comarcal na Mariña, que pretenden sexa multitudinaria, para o luns 22 de xuño, o primeiro día fóra do estado de alarma. A manifestación partirá ás 20h do Hospital da Mariña e rematará na Praza do Concello de Burela. O motivo da convocatoria, explicaron, é “reclamar das administracións públicas estatal e autonómica unha resposta inmediata para frenar a sangría económica e laboral que padece a nosa comarca”.

O responsábel da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro,  denunciou que a comarca mariñá leva décadas de abandono, a pesares de que tanto o Goberno central como o galego "tiñan, e teñen, a obriga de impulsar aquelas infraestruturas e servizos que sistematicamente foron reclamados e nunca atendidos".

A este respecto, na comparecencia lembrouse que foron moitas as ocasións nas que se alzou a voz da Mariña para pedir que se investise nesta comarca, "para que a riqueza e prosperidade non estivese ligada á evolución da empresa que cambiou co seu asentamento a fisionomía da comarca.. Pero esas reivindicacións foron sistematicamente ignoradas. A autovía A74, o corredor, a apertura do dique norte do porto de San Cibrao, o FEVE… son algunhas desas demandas non atendidas e que seguen enquistadas.

"O paso dos anos non fixo decaer a necesidade de executar estas propostas, moi ao contrario,  resulta máis evidente a medida que pasa o tempo", aseverou Xorxe Caldeiro. Os sindicatos convocantes afirman que a crise dos sectores tradicionais, da pesca e do agro, e o posterior derrumbe do sector inmobiliario e con el da construcción, “foron toques de atención non atendidos, sinais da imperiosa necesidade de poñer sobre a mesa novas potencialidades, novas ferramentas, que servisen como estimulo á implantación de novas empresas que diversificaran o tecido industrial e económico da comarca”.

Declive industrial da comarca

O peche nos últimos anos de varias empresas emblemáticas na bisbarra como Ecar, Maderas Lorenzo, ECESA, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, ou os máis recientes de Muebles Hermida ou o posíbel de Costiña, constitúen un prólogo do agravamento da situación laboral e social, "suficientemente elocuentes para que vexamos a necesidade de abandonar diferenzas e unir as nosas voces na reclamación a quen tanto debe a esta comarca. É o momento de actuar, non de pasarse as responsabilidades dun executivo a outro” afirman.

Neste senso, Caldeiro subliña que a “Xunta e o Goberno estatal teñen as competencias e os medios necesarios para facer realidade o que non fixeron en moitos anos”. A recente comunicación de Alcoa de peche da planta de aluminio, "non fai máis que ratificar a imperiosa necesidade de actuación inmediata".

Unidade para garantir o futuro

Os tres sindicatos manteñen contactos con todos os sectores económicos (comercio, pesca, hostelería, forestal…) coa idea de converter a manifestación "nun acto de toda a sociedade comarcal, no que teña cabida toda a pluralidade e diversidade que compón a comarca da Mariña". É por iso que, a pesar de actuar como convocantes, pretenden que “a manifestación sexa unha marcha de toda a sociedade mariñá, que as persoas sexan as únicas protagonistas desta xornada reivindicativa”.

Conclúen apelando á implicación de todos e de todas xa que consideran que é vital para que os gobernos de Madrid e Santiago visualicen a determinación da Mariña nas reivindicacións, tanto para manter a factoría de alumina-aluminio activa, garantir os postos que dependen dela como para asentar as bases para o repunte industrial e económico da comarca.

Volver