As organizacións sindicais convocarán folga no Banco Popular-Pastor o 10 de novembro

Traballadoras e traballadores continúan en Lugo co calendario de mobilizacións contra o ERE
Lugo - 02 Nov 2016

A diverxencia total nas posturas, a falta de información e o "ninguneo" por parte da empresa levaron ás organizacións sindicais a acordar a convocatoria de folga en todo o Grupo Banco Popular para o próximo 10 de novembro. Unha convocatoria unitaria que a Sección Sindical da CIG impulsou e reclamaba pois, "se non convocamos folga nestas circunstancias, cando a imos convocar?".

Tras da reunión coa empresa da pasada semana, a CIG propuxo ás demais organizacións sindicais a necesidade de ir a unha convocatoria unitaria de folga para enfrontar a postura intransixente da entidade e propiciar un cambio de dinámicas. Neste senso, Rosa Conde, Secretaria da Sección Sindical da CIG, criticou a o inmobilismo da entidade que se negou mesmo a aceptar a ampliación do período de consultas do ERE, que remata o próximo día 5.

Ante a falta de avances, a representación social propuxo aprazar esta data, co obxectivo de  avanzar nunha solución satisfactoria. Porén, a negativa da empresa obrigou as centrais a pedir a intermediación do SIMA para conseguir ampliar o período de consultas. E, no escrito remitido ao servizo de mediación de Madrid xa se informa da convocatoria da folga "se neste tempo non se producen avances substanciais". Para o xoves 3 e o venres 4 están programadas dúas novas reunións coa empresa.

Cómpre lembrar que a cifra final de afectados/as polo ERE en Galiza andaría arredor das 400 persoas, fronte ás 435 da formulación inicial, tendo en conta que a empresa propón agora “o rescate” de 19 postos nas 42 oficinas que se pechen. No tocante ás sucursais nas que se pretende reducir persoal ofertan un menor impacto, sen detallalo, mentres que nas que sufrirán peches parciais, tampouco concretan o número de afectados/as

Manifestación en Lugo

Así as cousas, as traballadoras e traballadores do Grupo Banco Popular en Galiza continuaron a xeira de mobilizacións que cada semana leva as protestas contra o ERE e o peche de oficinas até unha cidade. Nesta ocasión, a quenda foi de Lugo, onde o persoal realizou concentracións e unha manifestación entre dúas oficinas do Popular-Pastor.

A respecto das protestas, Conde apunta tamén que Galiza é o territorio do estado no que as mobilizacións están sendo máis numerosas e activas. Unha circunstancia que atribúe ao feito de ser a CIG a central sindical máis representativa dentro do que era o Banco Pastor.

Así mesmo, informou que a entidade adiou a reunión de directores/as que tiña prevista realizar na Coruña coincidindo coa mobilización convocada en Lugo. A decisión comunicouse despois da denuncia pública das organizacións sindicais e da convocatoria dunha concentración ás portas do hotel no que se ía desenvolver a xuntanza.