Piden a dimisión da conselleira de Política Social pola súa "nefasta xestión do persoal" e a negar a recuperación dos dereitos
Un xoves máis, e xa van oito, traballadoras e traballadores dos centros de atención directa da Consellaría de Política Social mobilizáronse para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012, a dignificación do seu labor e na defensa duns servizos sociais de calidade. Dende as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, ademais, fíxose un acto de protesta na entrada do edificio administrativo de San Caetano para esixir a dimisión da conselleira Fabiola García, pola súa pésima política de xestión do persoal.
A representación social denuncia que, malia o éxito de seguimento nas protestas, a conselleira segue negándose a abrir unha mesa de negociación para abordar tanto a mellora das condicións laborais como do servizo, ou o incremento das prazas públicas de atención directa. "Demandamos o cese de Fabiola García pola nefasta xestión na política de persoal do seu departamento ao que hai que sumar a falta de respecto á negociación colectiva, o desprezo a dignidade laboral, o nulo recoñecemento profesional, e o abandono dos servizos sociais públicos", criticaron.
A este respecto, Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG-Autonómica, explica que a suspensión no ano 2012 do artigo 19 do V Convenio Único, sen modificar o número de centros ou prazas, permitiu un "aforro" en persoal na Consellaría de Política Social, a conta de sobrecargar de traballo as compañeiras e compañeiros e, mermar a calidade asistencial.
"Deixar sen efecto o artigo 19 posibilitou a Consellaría organizar uns calendarios e impor unhas xornadas de traballo esgotadoras, sen respectar os descansos entre xornadas, obrigando o persoal a traballar varios fins de semana seguidos e sen compensarlles nin os domingos nin os festivos traballados; aforrando ademais as contratacións para descansos do persoal, vacacións, etc.", apunta.
Esta situación, explica Burgos, impacta de cheo na saúde das traballadoras e dos traballadores "que teñen que afrontar unha carga de traballo insostíbel", que se viu agravada co inicio da emerxencia sanitaria "a conta da que se mantén unha situación de excepcionalidade na xestión do persoal".
Recorte orzamentario en persoal
Salienta que os programas orzamentarios de persoal no 2010 eran o 311A e o 312D, e neles o número total de postos de persoal funcionario era 343 e 2369 de laborais. Pero nos mesmos programas orzamentarios do ano 2020, "o número total de postos de funcionarios é 253 e os de laborais de 2229. Isto supón un recorte de 90 postos de funcionarios é de 140 postos laborais nas prazas estruturais destes centros", alerta.
Xunto a este recorte, Burgos lembra que de 2010 a 2020 houbo unha redución de 3 millóns de euros para a contratación de persoal temporal e que, da cantidade consignada nos Orzamentos para esta finalidade, "non sabemos canto foi destinado á contratacións, pois que haxa dotación orzamentaria non implica que esta sexa gastada".
Estes datos, matiza Burgos, só se refiren aos centros de xestión directa da Consellería, sen contar as axencias nin o Consorcio.