Reproban a inoperancia do Ministerio de Industria e instan a intervención pública das plantas de Alu Ibérica
As organizacións sindicas con presenza na Mesa industrial creada para o mantemento da actividade nas plantas de aluminio da Coruña e Avilés enviaron unha carta de reprobación ao Ministerio de Industria pola falta de actuacións ante a incerteza xerada tras a venda das fábricas ao Grupo Industrial Riesgo. Ao tempo, as centrais instan o Goberno español e a Xunta a que tomen as medidas legais necesarias para a intervención e control público da planta para poder garantir o emprego e a continuidade produtiva.
No escrito repróchaselle ao Goberno español que teña "abandonado á súa sorte os traballadores e traballadoras", pois na reunión da pasada semana da Mesa Industrial non participou o secretario xeral de Industria, "deixando sen contido e sen sentido o encontro" e desatendendo os compromisos asumidos polo Ministerio no proceso de venda das plantas de Alcoa a Parter Capital, que estivo tutelado polo Goberno español e contou co parabén da Xunta e do Goberno asturiano.
Na reunión telemática tampouco compareceron Alcoa e Parter, polo que a representación social continúa sen coñecer os termos da operación de venda que este último grupo acadou con Industrial Riesgo, e non se puideron abordar na mesa nin o grao de cumprimento dos acordos adoptados nin os prexuízos derivados da xestión nas fábricas.
Ante a incerteza no mantemento dos empregos e o futuro da planta, os traballadores e traballadoras de Alu Ibérica da Coruña realizaron unha nova mobilización na tarde do luns, ás portas da Delegación do Goberno, para esixir solucións e a intervención pública da fábrica.