As organizacións sindicais responden a Rueda: "Estamos denunciando o desmantelamento da xustiza"

Acusan o responsábel do departamento de non ter recibido nunca a representación social
Nacional - 17 Nov 2017

Diante das declaracións de Alfonso Rueda, Vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as centrais sindicais veñen de remitirlle unha carta aberta para aclararlle que as mobilizacións iniciadas no sector son a resposta ás discriminacións laborais e salariais que sofre o persoal desta administración en Galiza e "ao desmantelamento que o goberno do PP está a facer da xustiza".

"Estamos defendendo un servizo público esencial. Os recortes do seu goberno afectan a toda a cidadanía, atrasando os tempos de resposta da administración de xustiza", aseveran.

Neste senso, consideran que as valoracións feitas por Rueda á prensa tras das mobilizacións deste xoves, limitándose a falar dos conceptos económicos reclamados polo persoal e obviando outros puntos fundamentais das reclamacións como os descontos por IT, a amortización de prazas, a falta de substitucións ou a consolidación de prazas, "deixa ás claras que nunca tiveron intención de negociar nada".

As organizacións SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO acusan a Rueda de "non ser quen de recibir, nin presentarse, á representación do persoal", dende que está a fronte da Consellaría de Xustiza. "Se cadra é esa unha mostra clara do interese que ten o seu goberno nesta administración", engaden.

Sinalan que, de existir vontade real por parte da Xunta para iniciar unha negociación, "non nos veríamos na obriga de  estar na rúa onte (en referencia ás concentracións realizadas nas sete cidades) nin en folga os próximos días 1 e 13 de decembro". "As únicas persoas responsábeis das asembleas, concentracións e mobilizacións que están tendo lugar, ao igual que das repercusións negativas que terá a folga sobre a cidadanía, son e serán a Xunta de Galiza e os seus altos cargos", conclúen.