As traballadoras da EI O Berce reclaman o cobro inmediato dos seus salarios e ocupación efectiva
A empresaria pechou a escola sen comunicación oficial, sen rescindirlle os contratos e debéndolle ao persoal as nóminas dende o mes de abril
As traballadoras da escola infantil O Berce (Arteixo) concentráronse este luns para reclamar o abono inmediato dos seus salarios e carga de traballo efectiva. A dona da empresa Os Gosendes anunciáralles o pasado mes de xullo a súa intención de pechar o centro, pero no canto de liquidar as débedas salariais e rescindirlles os contratos, mandounas para a casa cun permiso retribuído dun mes que estendeu ao mes de setembro, a pesar de que as instalacións da escola xa están desmanteladas.
As seis traballadoras atópanse nunha situación insostíbel posto que levan sen cobrar as súas nóminas dende o mes de abril, non teñen ocupación real porque xa non hai centro de traballo e tampouco poden acceder ao cobro do desemprego porque a propietaria non lles deu carta de despedimento.
Durante a protesta, as traballadoras explicaron que os atrasos no abono dos salarios comezaron a finais de 2024, pero nunca se chegou a superar os tres meses de débeda. A situación empeorou a partir de novembro de 2025, cando sen previo aviso apareceu na escola a avogada da empresa e lles comunicou a suspensión do soldo durante dous meses. Esta noticia produciuse, ademais, no medio dos rumores sobre un posíbel peche, polo que as traballadoras presentaron denuncia na Inspección de Traballo.
Dende entón, o clima laboral foise deteriorando cada vez máis. Ao impago dos salarios e á falta de información clara sobre o futuro da escola, sumouse o acoso psicolóxico contra as traballadoras, a quen a propietaria incluso tentou culpabilizar da inviabilidade do centro, malia que leva anos arrastrando problemas económicos. Todo isto tivo consecuencias directas na saúde das profesionais e catro compañeiras acabaron de baixa médica.
Finalmente, o 31 de xullo, a empresaria comunicoulles un permiso retribuído polo mes de agosto, manifestando que clausuraba a escola infantil por causas económicas que non xustificou. Aínda que neste tempo desmantelou as instalacións, deulles un novo permiso retribuído polo mes de setembro, sen ter abonado os salarios dende abril, sen posibilidade de ofrecerlles ocupación efectiva e sen finiquitar os seus contratos para que, cando menos, poidan acceder á prestación por desemprego.
As traballadoras xa presentaron denuncia na Inspección por todos estes incumprimentos e solicitaron a rescisión dos seus contratos pola vía xudicial. Ademais, acordaron mobilizarse para denunciar publicamente o secuestro laboral no que se atopan, reclamarlle á empresaria que cumpra coas súas obrigas salariais e respecte os dereitos das traballadoras.