
As traballadoras das escolas infantís municipais da Coruña reivindican salarios e condicións dignas "para poder ensinar mellor"

Traballadoras da rede de escolas infantís municipais 0-3 do Concello da Coruña continuaron esta tarde co calendario de mobilizacións en demanda de condicións laborais e salariais dignas e na defensa dunha mellora na atención ás crianzas. Denuncian que, a pesar da cualificación e responsabilidade que se lles exixe, os seus salarios apenas chegan ao SMI, e as súas xornadas de traballo son das máis altas de todos os convenios da ensinanza.

Nesta ocasión, a protesta realizouse no céntrico Obelisco da Coruña e as traballadoras aproveitaron a proximidade do entroido para facer unha parodia do desafortunado encontro que tiveron a pasada semana co concelleiro de Educación, no que Juan Borrego mesmo lles negou que en abril do pasado ano dera o compromiso de trasladar unha resposta xustificada ás reivindicacións do colectivo, rexeitando en todo momento a posibilidade de sentar a negociar a aplicación de melloras no servizo.
As palabras do edil provocaron unha profunda indignación entre as traballadoras, xa que incluso chegou a asegurar que non recibira ningunha solicitude de xuntanza "cando fixemos tres peticións por escrito e o único que obtivemos foi a calada por resposta", explica o responsábel da CIG-Ensino da Coruña, Henrique García.

Critica que "María Pita é un búnker" para as reivindicacións deste persoal, polo que "imos solicitar unha xuntanza coa alcaldesa, Inés Rey, para tentar desbloquear a negociación. Máis, tendo en conta que a alcaldesa dixo que aprobaba o orzamentos 2025 en solitario para desbloquear a cidadanía da Coruña, este desbloqueo tamén terá que ser para as 110 traballadoras da rede de escolas infantís municipais".
Rolda de contactos institucionais
Ademais das mobilizacións, para recoller apoios ás súas demandas, as traballadoras e a CIG-Ensino iniciaron unha rolda de contactos cos grupos municipais e xa foron recibidas tanto polo BNG como polo PP. Ambas formacións recolleron as súas reivindicacións, indicaron que as comparten e que as estudarán para levar como mocións ao pleno, ao considerar que son posíbeis se hai vontade política e estudando a fórmula legal para aplicalas.
Ao igual que as traballadoras, amosaron a súa contrariedade pola actitude do concelleiro de Educación e neste sentido ofrecéronse a mediar par unha rectificación e para que se traten estas lexítimas e xustas reivindicacións nos órganos de goberno do Concello. Hai que lembrar que este ano teñen que saír os novos pregos para a licitación das escolas.

As traballadoras lembran que o Concello da Coruña é responsábel da súa rede de escolas municipais 0-3 e tamén da decisión de pór a xestión destes centros en mans privadas, condenando así o persoal á precariedade laboral e salarial, e non querendo mellorar a calidade que se ofrece ás crianzas, xa que, por exemplo, non hai parella educativa (como si existe nas Galiñas Azuis), nin está asegurada unha atención adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais (NEAE), nin se valora a redución de ratios, como si se vai facer na etapa infantil 3-6.
As traballadoras das escolas infantís municipais están fartas da situación laboral que viven e do “bloqueo e mentiras” dende a concellería de Educación, polo que continuarán adiante coas mobilizacións nas próximas semanas, non descantando incluso a convocatoria de folga.
Próximas mobilizacións
Ao remate da concentración, as traballadoras acordaron realizar unha nova protesta o martes 25 de febreiro, ás 18:30h, na Praza de María Pita. Ademais a próxima semana repartirán nas escolas follas informativas sobre as súas reivindicacións e chamando a participar na concentración do día 25.