• Nova

As traballadoras de Albo mobilízanse contra o peche da fábrica de Celeiro e na defensa dos empregos

Denuncian que o traslado ás novas instalacións en Salvaterra non é unha alternativa asumíbel
Viveiro - 23 Xun 2022

Traballadoras e traballadores de conservas Albo en Celeiro iniciaron este xoves o calendario de mobilizacións en rexeitamento ao peche da factoría e na defensa da continuidade produtiva e dos empregos. A protesta realizouse ás portas da planta viveirense coincidindo cunha nova xuntanza da comisión negociadora do expediente de mobilidade presentado pola empresa a través do que quere levar a produción á nova planta do polígono de Salvatera-As Neves.

O calendario de mobilizacións continuará o próximo luns día 27, cun paro de dúas horas que se desenvolverá de 10 a 12h. O persoal aproveitará o tempo da folga para saír tamén en manifestación das instalacións de Albo até a até a estatua de homenaxe á Xente do Mar. Os días 29 de xuño e 4 e 6 de xullo haberá novos paros parciais e mobilizacións.

A CIG reclama a continuidade da actividade na fábrica de Celeiro e o mantemento de todos os postos de traballo, tendo en conta que a factoría é viábel e ten carga de traballo suficiente para soster os actuais niveis de emprego. A central sindical  tamén demanda unha intervención decidida da Xunta de Galiza para evitar este novo golpe ao emprego e á industria "nunha comarca e un concello tan castigados nos últimos anos" e impedir a desaparición definitiva dun sector como o da conserva que tan importante foi no pasado para a Mariña.