As traballadoras de Atención a Domicilio de Chantada irán á folga indefinida contra a privatización do servizo

O paro comezará o luns 28 de outubro
Chantada - 21 Out 2019

As traballadoras do Concello de Chantada que realizan o servizo de atención a domicilio acordaron en asemblea ir á folga indefinida a partir do 28 de outubro en rexeitamento á decisión do alcalde de iniciar o proceso de privatización deste servizo básico. A CIG denuncia que esta medida suporá avanzar na precarización das condicións laborais e na atención que se presta ás cidadás e cidadáns máis vulnerábeis.

O anuncio feito polo alcalde en pleno municipal non deixa de sorprender cando nestes momentos a representación sindical está negociando co Concello a Relación de Postos de Traballo (RPT) na que aparecen incluídos os postos do SAD, integrado a día de hoxe por 29 persoas. Segundo as palabras do propio alcalde, a privatización do servizo faise porque a súa xestión "dá moito traballo" ao departamento de servizos sociais e porque teñen dificultades para atopar traballadoras/es que queiran realizar o labor de atención a domicilio.

A este respecto, a CIG subliña que se lle propuxo en varias ocasións ao Goberno a contratación de máis persoal en Servizos Sociais para atender as necesidades e que ademais o Concello xa ten contratada unha empresa privada para facer as substitucións do persoal do SAD cando vai de vacacións, está de baixa, etc.

Avanzar na privatización dos servizos

Para a representación da CIG esta decisión non ten máis explicación que o interese do Goberno local por avanzar na privatización dos servizos públicos, pois o alcalde xa adiantou que despois do SAD, non descarta a externalización doutros servizos como a piscina municipal. A experiencia ten demostrado que deixar en mans de empresas privadas os servizos públicos só serve para precarizar as condicións laborais, deteriorar os servizos que se prestan e incrementar o seu custe, pois o único interese das empresas é tirar o maior beneficio posíbel.

Ademais, a privatización do SAD demostra unha vez máis o escaso valor que se dá por parte das Administracións ao traballo relacionado co coidado das persoas dependentes, malia ser un traballo esencial e que reviste un alto grao de responsabilidade.

Diante deste ataque, as traballadoras do SAD están dispostas a dar a batalla e ir á folga indefinida até conseguir reverter o proceso de privatización do servizo, que o alcalde pretender facer afectivo a 1 de xaneiro.