As traballadoras de atención no fogar de Chantada inician folga indefinida contra a privatización do servizo

Este luns realizouse unha concentración diante da Casa do Concello

Chantada -

As traballadoras do servizo de atención no fogar de Chantada iniciaron este luns unha folga indefinida contra as pretensións do Goberno municipal de privatizar o servizo, que até agora se prestaba directamente dende o público. Para visibilizar o rexeitamento a esta decisión, a última hora da mañá realizouse unha concentración diante da casa do Concello na defensa dun servizo público e de calidade, na que participaron arredor dun cento de persoas e que rematou por converterse nunha manifestación.

A decisión do Goberno local, que pretende que o servizo pase a xestión privada a partir de xaneiro próximo, resulta sorprendente cando nestes momentos se está negociando a Relación de Postos de Traballo (RPT) na que aparecen incluídos os postos do SAF, integrado por 29 persoas. Ademais, a CIG rexeita as escusas esgrimidas polo alcalde a respecto das dificultades de xestión do servizo ou para atopar persoal para facer substitucións, posto que o Concello podería contratar máis persoal para Servizos Sociais e xa ten de man unha empresa para cubrir ausencias.

Servizos mínimos abusivos

Para a representación da CIG esta decisión non ten máis explicación que o interese do Goberno local por avanzar na privatización dos servizos públicos, pois o alcalde xa adiantou que despois do SAF, non descarta a externalización doutros servizos como a piscina municipal.

 

Neste contexto, as traballadoras comezaron hoxe unha folga indefinida, a pesar de que os abusivos servizos mínimos impostos (que acadan o 95% da actividade) impiden na práctica que o persoal poida exercer este dereito. De feito, a CIG ten presentado recurso contra este decreto por consideralo abusivo e vulnerador de dereito fundamental á folga.

Así as cousas, as traballadoras volverán concentrarse o próximo xoves e xa están preparando unha gran mobilización contra unha privatización que só traerá precariedade laboral e unha perda da calidade do servizo que se presta.

Volver