As traballadoras de Coinba logran desbloquear as contas da empresa tras un peche na Seguridade Social

A CIG-Salnés aposta por un novo proxecto industrial que garanta o mantemento do emprego
Vilagarcía - 03 Mar 2020

Un grupo de traballadoras/es de Compañía Industrializadora de Bacalao (Coinba), con sede en Vilaxoán, no concello de Vilagarcía, lograron este luns que a Seguridade Social desbloquease as contas da empresa, que se atopa en concurso de acredores, tras protagonizar un peche de dúas horas na oficina do organismo estatal. Dende a CIG-Salnés reclaman un novo proxecto industrial que garanta a supervivencia dunha compañía con máis de 100 anos de historia e o mantemento de todos os empregos.

A mobilización do cadro de persoal de Coinba produciuse despois de que as afectadas/os comparecesen o venres en rolda de prensa xunto á delegada de persoal, da CIG, e a responsábel da CIG-Salnés, Rosa Abuín, para denunciar, en primeiro lugar, a propia entrada en concurso de acredores, xa que “se trata dunha empresa cunha débeda non demasiado importante -arredor de 400.000 euros- e que conta cuns terreos de 9000 metros cadrados en propiedade”. 

As sospeitas apuntan a un posíbel pelotazo urbanístico cos terreos da empresa

Precisamente a existencia destes terreos, en primeira liña de praia, fai que detrás da operación sobrevoe a sospeita dun “pelotazo urbanístico”, polo que as traballadoras/es manterán unha xuntanza co alcalde de Vilagarcía o vindeiro xoves ás 10:30 horas para que lles explique que tipo de cualificación ten o chan onde se ubica a empresa e que se pretende facer na zona na actual revisión do PXOM.

Na comparecencia diante dos medios de comunicación as afectadas/os tamén criticaron que a Seguridade Social procedese ao bloqueo das contas da empresa con posterioridade ao auto de entrada en concurso de acredores, polo que instaron o organismo estatal a corrixir esta “irregularidade” para garantir que o cadro de persoal puidese cobrar os seus salarios e a empresa tivese liquidez para seguir operando.

Última empresa do sector na zona

Pero chegou o luns e as contas continuaban bloqueadas, polo que decidiron acceder na oficina da Seguridade Social de Vilagarcía e anunciaron que permanecerían no seu interior até que se solventase a situación. “Con esta medida de presión logramos que dende a oficina se comunicasen coa unidade territorial da Estrada, que procedeu ao desbloqueo”, explica Abuín. Paralelamente, tanto o administrador concursal como o propio Xulgado do Mercantil tamén presentaron escritos incidindo en que o bloqueo se produciu despois da entrada en concurso.

Finalmente, dende a CIG apostan por que se materialice algunha das opcións de compra sobre a compañía “que hai enriba da mesa” e que se relance un novo proxecto industrial que garanta a actividade "nunha empresa con máis de 100 anos de historia” e o mantemento de cando menos os 20 empregos actuais. “Non hai que esquecer que Vilaxoán é tradicionalmente coñecida pola súa industria da salazón, sendo Coinba a última compañía deste sector que queda na zona”.