As traballadoras de educación infantil continuarán en decembro coas mobilizacións por un convenio digno

Nacional - 04 Dec 2023

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO, UGT e SNEP chaman ao persoal das escolas infantís privadas e de xestión indirecta (etapa 0-3) a participar no calendario de mobilizacións que comezará o 13 de decembro, co obxectivo de desbloquear as negociacións do convenio colectivo e de mellorar as condicións laborais e salariais das arredor de 2000 traballadoras deste sector en Galiza.

Nas 13 reunións da mesa negociadora, as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

Así, as organizacións sindicais, en representación do persoal traballador de infantil de 0 a 3 anos, organizarán varias manifestacións e concentracións no mes de decembro nas grandes cidades de Galiza.  A primeira das mobilizacións arrincará o mércores 13 en Vigo, Santiago e A Coruña. Tamén se convocará unha nova xornada de folga, a sexta no que vai de ano, o martes 19 de decembro..

As reivindicacións mantéñense na liña dos últimos meses: denunciar o inmobilismo nas negociacións do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, estancado desde hai máis de un ano e medio e defender os dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta dos arredor de 200 centros que hai en Galiza destas tipoloxías.

Falta de vontade negociadora da patronal

A actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

As patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás empregadas dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.

Desde o inicio das negociacións en 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo, até hoxe. Por exemplo, hai xusto un ano negociábase coa patronal da xestión indirecta unha proposta súa, xa insuficiente daquela, nas seguintes cantidades a cobrar en 2026: 1.660 € para a categoría de mestra, 1.360€ para as educadoras e 1.245 € para o resto das categorías. Se se compara coas táboas propostas actualmente, para a categoría de mestra a cantidade baixa a 1.611,10 €, na categoría de educadora o salario descende a 1.236,43 € e para o resto de categorías preténdese negociar a 1.166,40, lonxe da cantidade inicial.

Polo tanto, os recortes salariais respecto ás propostas que se negociaban hai un ano son evidentes, sen mencionar outros retrocesos nas condicións laborais das persoas traballadoras como, por exemplo, no caso da incapacidade temporal, entre outras involucións propostas.

As centrais sindicais exixen, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras.

Calendarización das mobilizacións no mes de decembro:

  • Mércores 13: manifestación en Vigo e concentración en Santiago ás 19h e manifestación en Coruña  ás 18:30 horas.
  • Sábado 16: manifestación nacional en Santiago, ás 11:30 horas.
  • Martes 19: xornada de folga con manifestacións ás 11:30 horas en Vigo e na Coruña.
  • Luns 11 e luns 18: concentracións con cartaces e faixas nos centros de educación infantil, subindo fotos ás redes sociais coas etiquetas: #DesbloqueoXa  e  #ConvenioInfantilDigno.