As traballadoras de limpeza da Xunta denuncian discriminacións e demandan igualdade salarial

Mobilizaranse novamente o vindeiro xoves 31 diante de Presidencia
Compostela - 25 Mai 2018

Traballadoras de Grupo Norte, concesionaria do servizo de limpeza da Xunta de Galiza, concentráronse este xoves diante do edificio administrativo de San Caetano, para denunciar as discriminacións que sofren por razón de xénero, reclamar igualdade salarial e denunciar os excesos na carga de traballo.

O pasado 14 de maio o cadro de persoal de Grupo Norte, conformado en máis do 90% por mulleres, acordaba en asemblea iniciar mobilizacións para reclamar igualdade de dereitos. Nin unha soa, das 120 que forman parte do cadro de persoal, teñen recoñecido o dereito a percibir plus de toxicidade, penosidade ou perigosidade, mentres que si o están cobrando a práctica totalidade dos homes.

Por iso demandan que a empresa faga unha avaliación, posto de traballo por posto de traballo, para determinar a existencia, ou non, destes riscos e que se corrixa esta situación que o representante da CIG, Anxo Noceda, considera rechamante. “Que en ningún dos casos concorran estas circunstancias cando se trata de traballadoras e que, porén, si se dea no caso dos traballadores é, cando menos, curioso”.

Exceso de carga de traballo

Denuncian tamén a discriminación que padecen por exceso de traballo a consecuencia da non substitución de baixas por IT, vacacións ou outro tipo de ausencias. Sobre esta cuestión Noceda explica que “no traballo que fan os homes, se hoxe non se remata non pasa nada, porque se pode facer mañá. Pero no traballo que fan as mulleres, que é de mantemento de limpeza diaria, se non se fai hoxe, si que se nota mañá. Por iso, a non cobertura das ausencias provoca que se cargue máis de traballo ás compañeiras”.

Categorías profesionais

Xunto a isto, outra das discriminacións que sofren é a salarial, utilizando como subterfuxio as categorías profesionais, que son as que xeran esas diferenzas. E é que tamén neste caso se dá a circunstancia de que non hai unha soa muller que teña recoñecida a categoría de peón especialista.

Si hai algunha que teña, segundo Noceda, a categoría de xefa de servizo, “curiosamente porque veñen de novas contratas que se incorporan á Xunta de Galiza, que veñen de atrás, non da contrata histórica”. Porén, a práctica totalidade do colectivo de homes si ten, como mínimo, a categoría de peón especialista.

Diante disto o representante da CIG pregúntase se non hai ningunha muller que teña capacidade ou coñecementos para desenvolver a categoría de peón especialista e pregúntase por que non se lles deu nunca, ás compañeiras, a opción a concursar e acceder a ese posto de traballo.

Xuntanza coa empresa

O pasado luns celebrouse unha xuntanza coa empresa para abordar estas cuestións e buscar unha solución. Segundo Anxo Noceda, a empresa ofreceu en 4 anos, 16 ascensos a peón especialista, empregando o criterio de antigüidade para decidir quen ascende.

Para o representante da CIG, en termos estritos de promoción equitativa e igualitaria, isto non resolve as desigualdades. Lembra que, até o de agora, se recoñecía a categoría de peón especialista practicamente a todo o persoal masculino ao chegar a determinado tempo de prestación de servizos. Por iso matiza que “non é abondo con que a igualdade agora pase porque as mulleres poidan acceder en igualdade de oportunidades que os homes á categoría de peón especialista”.

Entende que “non sería establecer termos de igualdade limitármonos estritamente a que agora ás mulleres se lles permita concursar en igualdade de condicións á categoría de peón especialista porque os homes non concursaron, déronlla cando tiñan determinada experiencia e antigüidade. Por iso, de facelo así seguiriamos mantendo unha discriminación”.

A proposta que se defende, fronte á da empresa, é pois que o conxunto das limpadoras cun trienio ou máis accedan, automaticamente, a esa categoría “porque con ese tempo traballado a capacidade e a experiencia están sobradamente acreditadas”.

A empresa cifrou os custes en persoal, ao aplicarse esta medida, en 300.000 euros anuais. “Trasladamos a nosa dispoñibilidade a que se recoñecera de inmediato o dereito e a tramar a contía económica -igual que fixemos hai 18 anos con este mesmo persoal para conseguir a equiparación económica e social co persoal laboral da Xunta de Galiza- “.

Isto implicaría que todas as traballadoras con máis dun trienio pasaran á categoría de peón especialista percibindo un terzo da contía económica que hai de diferenza en 2018; outro terzo máis en 2019 e no seguinte percibir xa o 100%.

Ademais defendeuse que se analizaran as consecuencias da non cobertura de ausencias elaborando un estudo de factores psicosociais para determinar a carga de traballo para, a partir de aí dimensionar o cadro de persoal. “Insistimos fundamentalmente en que, de cara ao verán, había que cubrir as vacacións. Porén, con todo isto enriba da mesa a empresa levantouse da mesa”.

Por iso se acordaron mobilizacións, a primeira a celebrada este xoves, que continuarán xa o vindeiro xoves cunha nova concentración diante da consellaría de Presidencia, no Edificio administrativo de San Caetano.