As traballadoras do SAF de Chantada seguen en loita contra a privatización do servizo

Chantada -

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Chantada continuaron hoxe ás mobilizacións contra a privatización do servizo que ten en marcha o Goberno municipal e que carrexará un empeoramento dos coidados, reducíndose as horas de prestación de servizos nos domicilios, entre outras cousas. Esta tarde concentráronse na Praza de Galiza e ao remate da protesta celebraron unha asemblea para avaliar o conflito (están en folga indefinida dende o pasado 28 de outubro) e os pasos dados polo Concello neste proceso de externalización do SAF.

Hai que subliñar que as traballadoras eventuais (unhas dez) ás que se lle remataba o contrato a finais de ano xa recibiron a comunicación do cese da relación laboral. E de xeito paralelo, estanse a realizar os exames para unha bolsa de substitución, que se entende servirá para suplir a este persoal que agora cesa.

Reunión coa Deputación

Doutra banda, mañá, venres 20 de decembro, ás 13:30 horas, a representación da CIG reunirase coa vicepresidenta da Deputación de Lugo para trasladarlle a situación do SAF de Chantada e demandar a intervención da institución provincial, de cara a evitar que se consume a privatización deste servizo básico.

Volver