As traballadoras do SAF de Compostela denuncian o desleixo da concelleira de Políticas Sociais

Aseguran que non chegan as horas para atender a lista de espera de perruquería e podoloxía
Compostela - 02 Nov 2020

As delegadas dos comités do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Compostela de Eulen e Servisar remiten por escrito a súa intervención no pleno do pasado xoves á concelleira de Políticas Sociais para que teña constancia da problemática do servizo diante das dificultades que teñen para ser recibidas.

De feito, na súa comunicación poñen en cuestión a versión da socialista María Milagros Castro Sánchez, quen asegurou que se reuniría coas representantes do persoal do SAF cando quixeran. Fronte a isto, as delegadas aseguran que desde febreiro non tiveron comunicación algunha coa concelleira de Política Social malia terlle enviado correos electrónicos, chamadas e mesmo whatsapps.

Cansadas de recorrer á Inspección

As delegadas aseguran que están cansas de solicitar reunións e ter que recorrer á Inspección de Traballo. Denuncian que mentres noutros concellos máis pequenos se introducen melloras no convenio, o concello de Santiago di que non pode facelo; que é indigno cobrar só 0,18 céntimos o quilómetro; que nos pregos de condicións do concurso non se contemplan máis xornadas completas ou que mesmo se suprimiu a cláusula de “cumprimento do convenio” mentres que se engadiu que no caso de “problemas empresa-traballadoras, o concello queda exento”.

Insuficiente horario para servizo de perruquería e podoloxía

Consideran totalmente insuficiente que só se engadiran 10 horas a maiores para os dous lotes que “non chegan” para atender ás persoas usuarias do servizo. Por iso convídana a “visitar domicilios na lista de espera de perruquería e podoloxía” para que comprobe “como encontramos medias melenas e uñas encarnadas, incrustadas na carne, véndonos obrigadas a botarlles unha man a pesar de que as empresas non nos deixan”.

Dez horas máis que non permitirán cubrir esa necesidade e polo que recomendan ao concello que valore “darlle ese servizo as persoas que non poidan permitir pagalo, xa que para todos é inviable”.

Tamén reclaman que, a falta de tarxetas, o concello habilite zonas de aparcamento (verde-branca) para poder aparcar polo día, á vista das dificultades que hai en Santiago para facelo.

Lembran que o comité de Servisar está en loita coa empresa, como estivo o de Eulen, que conseguiu chegar a acordos coa empresa. Por iso agora temen “a empresa que poida xestionar o SAF” e que teñan que empezar a loitar novamente.

Recoñecemento do traballo

Salientan que a cantidade de diñeiro destinada ao SAF é importante pero “a calidade moito máis”. Por iso demandan que se recoñeza o seu traballo, unha suba dos quilómetros e dos pluses, ademais de solucións para o aparcamento.

“Non pedimos unha mellora do convenio que non se poida cumprir, pedimos dignidade para todas esas persoas que loitan día tras día e que se enfrontaron á covid-19 cando a maioría estaban dentro dos seus fogares”.

A este respecto comparan a súa situación coa do persoal das residencias, onde se fai un seguimento periódico con PCR mentres que ao persoal do SAF compostelán non se lle fai a non ser que estean cun contacto positivo.

Por iso convidan á concelleira a reunirse nunha mesa de negociación coas empresas para mellorar estas condicións, para que non pareza que “importa máis o Xacobeo 2021 que a dignidade de todas as persoas traballadoras e usuarias dun servizo tan importante como o SAF”.