As traballadoras do SAF de Ponteareas acordan en asemblea ir á folga o día 12 de setembro

Presentaranse na oficina da empresa a diario, mentres non teñan unha alternativa de transporte
Ponteareas - 01 Set 2022

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas acordaron esta mañá, en asemblea, convocar unha xornada de folga para o vindeiro día 12 de setembro. Ademais decidiron que se presentarán a diario na oficina de Samaín, empresa concesionaria do servizo, até que se lles facilite unha alternativa de transporte.

Deste xeito, desde hoxe as auxiliares sairán só a facer aqueles servizos aos que poidan ir andando ou ben a aqueles que, aínda que precisen de coche, constitúan unha necesidade vital para a usuaria ou usuario.

Segundo explican, a empresa non ofreceu ningunha das alternativas de transporte que contempla o convenio. Por iso se ven obrigadas a realizar os servizos cos seus propios medios. Advirten de que non teñen garantía “de poder realizalos no tempo estabelecido” polo que entenden que “non temos responsabilidade algunha nos atrasos que poidan ocasionarse na prestación do servizos”.

As traballadoras, que veñen mobilizándose desde o pasado 8 de marzo, denuncian tanto a pasividade da empresa adxudicataria Samaín Servizos á Comunidade (de CLECE) como do concello e chaman a atención sobre a gravidade da súa situación logo de que a empresa anunciara o pasado día 30 de agosto que non vai facer efectivo o incremento salarial ao que está obrigada por convenio desde o mes de xaneiro, feito que, como indican, dificulta aínda máis a súa capacidade para facer fronte aos gastos derivados do transporte.

Por iso deixarán de utilizar os seus vehículos particulares mentres a empresa non articule unha alternativa.