As traballadoras do sector de coidados claman en Compostela contra as condicións de escravitude que padecen

Entregaron unha Carta Aberta ao empresario do sector, na CEG, na que exixen a negociación dos convenios e a dignificación das súas condicións laborais e salariais
Nacional - 24 Set 2025

As traballadoras do sector de coidados -Residencias, Centros de Día e SAF- percorreron esta mañá as rúas de Compostela para denunciar a precariedade laboral e salarial que padecen, na primeira das novas xornadas de folga á que están convocadas. Mañá manifestaranse polas rúas de Vigo. O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Arján, considerou “indecente” que o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, botara “balóns fóra” na sesión de control do Parlamento de Galiza.

Arján cualificou de “vergoñento” que Rueda eludira a súa responsabilidade afirmando que se trata dun servizo municipalizado e que depende de empresas privadas. Afeoulle ademais que intentara apropiarse da xuntanza celebrada coa FEGAMP. “Din que foi iniciativa súa, máis de dous meses despois do asasinato da compañeira no Porriño, cando foi iniciativa da FEGAMP”, explicou o secretario nacional.

“É totalmente indecente ter esta clase política, é totalmente indecente ter este partido gobernando a Xunta de Galiza e é totalmente indecente ter este presidente que non se preocupa, absolutamente nada, dun servizo público esencial como é o das residencias e dos SAF”.

As traballadoras das residencias privadas de maiores e centros día, levan meses mobilizándose. A elas sumáronse agora as traballadoras do SAF, a prol dunhas condicións salariais e laborais dignas e na defensa dun modelo de coidados “que antepoña o benestar das persoas ao lucro e egoísmo empresarial”.

Así o fixeron saber, ao inicio da manifestación, que partiu da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), ao empresariado do sector, ao que dirixiron unha carta aberta á que deron lectura antes de continuar camiño cara o Consello Galego de Relacións Laborais, onde fixeron outra parada, para rematar finalmente diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano.

No escrito, que foi presentado na propia CEG, exixen aos empresarios que senten a negociar os convenios do SAF -caducado desde 2012- e de Residencias Privadas de Maiores, que abrangue tamén os Centros de Día -caducado desde 2024-.

Con estas xornadas de folga e accións de protestas alén de desbloquear as negociacións dos convenios colectivos, reclaman tamén a intervención da Consellaría de Política Social, así como dos Concellos, como os maiores responsables destes sectores esenciais.

Protocolo no SAF

Ao remate da manifestación denunciaron, ademais, a “falta de sensibilidade, humanidade e responsabilidade” das administracións, para negociar un protocolo ante situacións de violencia no sector de Axuda no Fogar e denunciaron tamén que “despois da desgraza acontecida no concello de O Porriño se deixase pasar o tempo para que se esqueza, sen tomar as medidas para que situacións como esta non se volvan a repetir”.

Lembraron o emprazamento da FEGAMP para negociar ese protocolo, pero lamentaron a ausencia directa da Consellaría de Política Social. “Desde a CIG nin esquecemos, nin abandonamos o noso obxectivo, que non é outro que a protección e defensa das traballadoras”.

Rexeitaron tamén a actitude do sector e máis da consellaría, porque “non teñen interese algún por activar estas negociacións” e tamén dos demais sindicatos por “mirar para outro lado”. A este respecto lembraron que desde a CIG están presentadas as plataformas que consideran que “non foron de interese para as patronais, que grazas á complicidade da Consellería non lle parece interesar a resolución destes conflitos, xa que non fan nada para tentar resolvelos, cando lles afecta directamente polo carácter público e esencial que teñen, facéndolle o xogo as empresas para que sigan enchendo os petos”.

Salario como no sector público

Entre outras cuestións demandas que no sector privado, se apliquen as mesmas condicións de traballo e salario que no sector público, “que se abandone este modelo rancio, usureiro e de amiguismos para sacarlle o diñeiro ás persoas maiores e dependentes, co único fin de enriquecerse a costa das persoas usuarias e das traballadoras”.

Nese sentido apostaron por un modelo público de coidados que garanta unha “prestación de servizos de calidade para ter unha  vida digna as persoas usuarias, tanto no seu domicilio como nun centro asistencial ou residencial, pero mentres isto non aconteza as traballadoras deben ter unhas condicións xustas e un salario digno”.