
As traballadoras do sector de coidados exixen condicións laborais xustas cun convenio digno
As rúas de Compostela enchéronse, está mañá, coas voces decididas das traballadoras das residencias privadas de maiores e dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de toda Galiza, que sumaron as súas forzas nunha mobilizacións conxunta en demanda de salarios e condicións laborais dignas. Teñen convocadas dúas xornadas de folga con mobilizacións en cidades e vilas mañá mércores, día 11 de xuño, e o xoves, día 12 de xuño.

As traballadoras procedentes das provincias da Coruña e Lugo iniciaron a súa marcha na residencia Raiola de San Marcos, mentres que as chegadas de Pontevedra e Ourense partiron da residencia de maiores de Amancio Ortega, en Pontedriña. Ambos os grupos confluíron diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, onde pronunciaron manifestos cargados de forza que detallaban as súas loitas e demandas de cambio.
O sector dos coidados, maioritariamente composto por mulleres, é a columna vertebral do apoio á poboación envellecida de Galiza, pero segue sendo cronicamente infravalorado. No manifesto ao que deron lectura traballadoras de residencias debuxa o panorama de explotación e o escaso recoñecemento que se lle dá ao seu traballo.
Estas traballadoras dedícanse día e noite a coidar as persoas residentes, poñendo toda a súa enerxía e cariño no seu labor. Con todo, enfróntanse a condicións que describen como “semellantes á escravitude”, con xornadas de 40 horas pagadas por debaixo do salario mínimo, traballo obrigado en festivos por unha miseria e ritmos de traballo que converten as residencias en “fábricas” en lugar de espazos de coidado. Mentres as empresas embolsan millóns incrementando as tarifas das persoas residentes, as traballadoras apenas chegan a fin de mes.

O 6,5% non se negocia
Pola súa banda, as traballadoras dos SAF lembraron que a súa loita remóntase a 2012, cando unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), froito dunha demanda da CIG, ratificou a vixencia do seu convenio colectivo e garantiu axustes anuais conforme ao IPC.
Porén, denunciaron que tras unha década de estancamento, as negociacións para un novo convenio víronse frustradas polo que cualificaron como “traizón” dos sindicatos CCOO e UGT. Estes asinaron un preacordo que introducía unha dobre escala salarial, desatando a indignación das traballadoras. Isto desencadeou unha folga histórica de 28 días en novembro de 2022, convocada pola CIG, que obrigou a reverter o preacordo. O berro de “O 6,5 non se negocia!” converteuse no símbolo da súa resistencia.

A manifestación de hoxe subliña a unidade entre as traballadoras do SAF e das residencias, que denunciaron a complicidade da Xunta de Galicia na precarización do sector. As traballadoras do SAF critican que a Xunta se desentenda da xestión do servizo, deixando aos concellos sen recursos para soster o custo e permitindo que as empresas privadas prioricen os beneficios por riba da calidade do coidado.
A maioría dos contratos no SAF son a tempo parcial, con xornadas irregulares que inclúen fins de semana, facendo imposible a conciliación. A pesar diso, as traballadoras manteñen un compromiso ético e profesional para ofrecer unha atención digna ás persoas usuarias, a pesar das condicións adversas.
As traballadoras das residencias, pola súa banda, esixen que a Xunta asuma a súa responsabilidade e deixe de favorecer os intereses das empresas e asuma a súa responsabilidade na xestión dos recursos públicos. Reclaman un convenio colectivo que recoñeza o valor esencial do seu traballo e garanta salarios e condicións laborais xustas. Unha loita por mellores condicións laborais mais tamén unha loita por unha atención de calidade para as persoas maiores.
Ao remate da mobilización agradeceron ademais que se sumaran á súa loita, asumindo as súas demandas, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG e máis a Secretaría das Mulleres.